O grupo Fuxan os Ventos é un referente histórico dentro da música de raíz do noso país. Comezaron a súa traxectoria en 1972, primeiramente chamándose Folk 72 e adoptando despois o nome actual por unha canción que lles serviu para vencer no Festival As San Lucas de Mondoñedo. A discográfica Philips-Fonogram decatouse de que era un grupo que conectaba moi ben cun sector da sociedade galega e ofrecéronlles un contrato por catro discos: Fuxan os ventos (1976), O Tequeletéquele (1977), Galicia canta ó neno (1978) e Sementeira (1978). Especialmente esta última obra tivo unha gran repercusión comercial e serviu para que o conxunto afianzase o seu lugar sobranceiro, chegando a actuar en diferentes cidades europeas, algo moi complicado de acadar daquela para un grupo galego.

Fuxan os Ventos sempre foi unha formación cun acusado sentido social, algo que se transmitía nas comprometidas letras das súas cancións, e adoitaban botar man de vellas cantigas que ían incorporando ao seu repertorio. Segundo din na na súa páxina web, entre os anos 1979 e 1985 o grupo realiza unha media de cen actuacións por ano, dato significativo da importancia que lograran, sendo xa algo máis que un referente meramente musical. En 1981 o grupo grava co selo Ruada, no que foi unha tentativa de tentar crear unha editora galega estable, o seu álbum Quen a soubera cantar. Tres anos máis tarde publicaron Noutrora, co selo Fonomusic. Nesta primeira etapa, rematada nos escenarios en 1989, xa non houbo máis discos. Esa actividade retomouse en1999 coa saída de Sempre e máis despois, composto na súa totalidade por pezas tradicionais nas que os arranxos deron un paso adiante respecto a tempos pasados. No 2002 decidiron afondar na tradición musical galega coa edición de Na memoria dos tempos.

Este traballo serviu para aportar o seu gran de area nas propostas vividas a conta da traxedia do Prestige. Hai dous anos decidiron votar unha vista ao pasado e puxeron en pé o espectáculo Terra de soños, no que tiveron como convidados a varios músicos galegos, que deu lugar á edición dun CD e un DVD. Para esa ocasión contaron coa dirección musical de Xosé Lois Romero, quen actualizou os arranxos das pezas. A acollida do público foi espectacular e é que as pezas de Fuxan sempre foron das máis cantadas pola xente do país.