Esta noite vivirase unha gala especial, no teatro Rosalía de Castro ás 20.30, na historia dos PREMIOS OPINIÓN. Nesta undécima edición mudouse a estrutura dos galardóns. Anteriormente salientábanse os tres mellores discos do ano e a partir de agora pasan a recoñecerse ao mellor disco, canción orixinal e artista máis sobranceiro, coñecéndose os vencedores no decurso da cerimonia. Por ese motivo a gala de entrega adiantou a súa celebración ao mes de maio.

O programa musical para a noite festiva do folk galego comeza co recital que ofrecerá o dúo composto por Susana Seivane e Rodrigo Romaní. Será a primeira vez que os músicos realicen un pequeno concerto formal nun teatro.

Despois será o momento de entregar o V PREMIO OPINIÓN Andaina Senlleira ao grupo Fuxan Os ventos, un referente na historia da música galega.

Logo aparecerá no escenario Narf coa súa guitarra para pór en escena dúas pezas novas no seu repertorio. Realizará unha canción que ten letra dun poema escrito polo seu pai e un tema baseado nun texto de Castelao, nomeadamente da súa obra Sempre en Galiza.

Continuará o espectáculo co dúo formado por Lucía Rolle e Xosé Lois Romero, que interpretarán dúas pezas enriba do escenario. Un deles será unha versión da Danza do mar namorado, canción do grupo Na Lúa con texto de Xosé María Álvarez Cáccamo. O outro tema será unha composición da cantautora. Os encargados de pechar a noite musical serán os compoñentes da orquestra viguesa Moxenas Musical Galego, dirixida por Xosé Oliveira, compoñente do grupo Noitarega, formada por trinta e cinco músicos novos, cunhas idades que abranguen dende os doce aos vinte e catro anos. Interpretarán na súa actuación pezas de Ernesto Campos feitas para a banda.

O presentador será o xornalista Alfonso Hermida, coñecido polo seu labor como presentador do Telexornal na Televisión de Galicia, quen xa exercera de mestre de cerimonias na gala celebrada o terceiro ano de vida dos galardóns.