Despois de nove anos sen realizar ningún disco xuntos, Neil Young volve unirse ao grupo Crazy Horse para realizar unha obra de rock que parte de cancións consideradas clásicas dentro do repertorio do folk norteamericano.

O canadense realiza unha revisitación do repertorio tradicional para levalo ao seu terreo, e cando se une aos cabalos tolos xa se sabe que adoitan soar as guitarras con contundencia. O álbum contén once versións e nel aparecen tres cancións do século XIX . Oh Susannah é unha composición de Stephen Foster e un dos temas máis populares na historia musical norteamericana. Tom Dula, tamén coñecida como Tom Dooley. conta a historia dun soldado do exército Confederado que foi xulgado polo asasinato da súa noiva e sentenciado á forca. Wayfarin' Stranger foi realmente popularizada por Burl Ives na década dos 40 nun álbum que levaba por título o nome da peza.

Seguindo no século XX, Young non esqueceu a Woody Guthrie, o gran mito do folk estadounidense, e decidiu incorporar ao repertorio elixido unha das súas composicións máis populares (This Land Is Your Land). Neste álbum aparece titulada sinxelamente como Clementine, mais a peza elixida polo artista para o repertorio non é outra que a popular Oh My darling Clementine, un cántico que incluso soa recoñecible dende estes lares.

Chama a atención que outro home do rock, logo de facelo o grupo Led Zeppelin, poña os seus ollos en Gallows pole. She'll Be Comin'Round The Mountain é unha canción considerada para nenos que resultou dunha variación efectuada a un espiritual afroamericano. Pecha o álbum God save the queen, o himno do Reino Unido. Este elección resulta menos curiosa se consideramos que o tema foi himno oficial de Canadá ata 1980.

A páxina web oficial do músico ofrece datos valorativos do artista sobre o novo traballo. "Algunhas das cancións do disco poderían ser definidas como 'cancións protesta', 'baladas sobre asasinatos', ou 'cancións de campamento' herdadas con historias universais de homes comúns. O que as une é o feito de que, aínda que poden representar a un país que xa non existe, as emocións e os escenarios detrás delas aínda resoan co que está a pasar en Estados Unidos hoxe en día, se ben non teñen o impacto de hai douscentos anos. As letras reflicten as mesmas preocupacións e seguen a ser significativas para unha sociedade que pasa por problemas económicos e culturais, especialmente nun ano electoral. Parécenme unhas cancións tan conmovedoras e poderosas na actualidade como no día na que foron escritas".