Dez anos é o tempo mínimo que ha de transcorrer entre a morte dun autor e a súa designación como protagonista do Día das Letras Galegas, e este é o tempo que necesitou Roberto Vidal Bolaño para que se lle recoñeza a súa figura dentro da cultura galega. Pero este recoñecemento chega, ademais, nun momento en que a escena galega vive un dos seus momentos máis dramáticos, polo que o sector da cultura entende que este homenaxe ao dramaturgo compostelán supón tamén un recoñecemento da escena galega, xa que non se pode falar de Vidal Bolaño sen o teatro contemporáneo nin viceversa, xa que, ademais de autor dunha extensa obra, foi actor, director, escenógrafo e iluminador. Máis de medio centenar de asociacións e institucións dos ámbitos escénico e cultural, e oitocentas firmas, avalaban a proposta de adicar o Día das Letras Galegas ao autor de obras como As actas escuras e Doentes.

"É un autor moi respectado e moi representado en España e tamén fóra. É, como Rosalía de Castro, unha figura da nosa diplomacia cultural, cunha enorme capacidade de creación en todos os rexistros teatrais e que traballou sempre pola lingua galega e para crear un público para o teatro galego", defende a catedrática de Comunicación Audiovisual Margarita Ledo, un dos nomes que avalou esta proposta.

A catedrática engadiu que, como bo bufón, Vidal Bolaño se enfrontou cos conflitos da sociedade e co poder a través da súa pluma, sempre independente e comprometida. "Facía teatro político en tempo presente", asegura a catedrática, que engade que a súa morte prematura supuxo para o teatro a perda do Vidal Bolaño maduro, que xa deixaba entrever as súas obras. "Aínda que deixou unha obra extensa, perdemos un grande escritor", afirma Ledo, quen destaca tamén a faceta audiovisual de Vidal Bolaño, moi importante tamén, afirma, aínda que non tan coñecida.

Manuel Bragado, presidente da Asociación Galega de Editores, tamén aplaude a designación do autor de Días sen gloria como homenaxeado do Día das Letras Galegas. "Estamos diante da figura máis importante do teatro galego do século XX tanto pola extensión da súa obra como polo feito de que foi o creador do teatro profesional en Galicia cando decidiu deixar o traballo que tiña no banco e crear a primeira compañía teatral galega", explica.

Pero para Bragado, esta homenaxe chega ademais nun momento "moi precario" para a escena galega, provocada, afirma, por "unhas políticas culturais cada vez máis inexistentes". "2013 vai ser o ano do teatro de Galicia", afirma o editor, que destaca ademais que o autor de Saxo tenor deixou "uns alumnos privilexiados", como Rubén Ruibal, Premio Nacional de Literatura Dramática pola obra Limpeza de sangue, e o propio fillo do que será homenaxeado en 2013, Roi Vidal.

Rubén Ruibal traballou durante dez anos "man con man" e con el aprendeu o oficio, recoñece. "Estou moi orgulloso de ter traballado con el porque durante a miña permanencia en Teatro de Aquí afondei na posta en escena e nos segredos da escritura, porque se reinventaba constantemente", argumenta o dramaturgo, quen destaca do seu mestre o seu teatro comprometido e moitas veces molesto, por ser especialmente crítico coa realidade. "O teatro estase a levar moitos golpes, moi inxustos, polo que creo que debemos aproveitar a oportunidade que nos brinda Vidal Bolaño para darlle un empuxonciño", sostén.

Demanda

Antonio Durán Morris, gañador do premio Mestre Mateo 2011 ao mellor actor protagonista polo seu papel na adaptación cinematográfica de Doentes, solicitou na gala do audiovisual galego que se lle adicara o Día das Letras Galegas a Vidal Bolaño, polo que a súa concesión é para o artista vigués unha gran satisfacción. "Creo que estaría orgulloso de que dez anos despois da súa morte, e nun momento tan crítico para o teatro, se lle adicase este recoñecemento. Foi unha persoa moi coherente e os seus textos están moi vinculados á problemática do país. Se vivise hoxe, co que está a pasar, non pararía de escribir", afirma o intérprete, presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG).

Segundo Manuel Vieites, director da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD), Vidal Bolaño é "un dos pais do novo teatro galego e da nova creación dramática dos últimos anos do século XX", e un autor que escribiu unha obra "acorde ao momento que lle tocou vivir".

Pola súa banda, o dramaturgo Gustavo Pernas sostén que a "gran dimensión e trascendencia" da obra do escritor compostelán faino merecedor deste gran recoñecemento, e máis nestes momentos, nos que o teatro "está a quedar á marxe". "Era algo que o sector viña pedindo dende hai meses por activa e por pasiva", comenta. Para Pernas, esta será ademais unha excelente ocasión para que se edite a obra de Vidal Bolaño. "O teatro non só é para que se represente, tamén é literatura. Se non se tivesen editado, as obras de Shakespeare e Chejov non terían chegado ata nós", recorda.

Os que o coñeceron recordan a longa sombra que proxectaba o seu corpo, unha sombra que a medida que ía aproximándose deixaba ver unha delgada figura tocada polo seu eterno sombreiro. Autodidacta, Roberto Vidal Bolaño (Santiago, 1950-2002) traballou no comercio e na banca, e iníciase no mundo teatral da man do grupo Antroido, no cal representou como actor as súas primeiras obras. Con Antroido acudirá ás Mostras de Teatro Abrente de Ribadavia (1973-1980), mostras nas que se dará a coñecer como dramaturgo e escénografo co pseudónimo de Julia Brens. En 1977, converteu o Antroido na primeira compañía teatral galega. Tamén foi un dos primeiros directores que participaron do teatro institucional, poñendo en escena, co Centro Dramático Galego, en 1984 a súa obra Agasallo de sombras. Cultivou, ademais da dramaturxia, as artes audiovisuais, realizando guións para a TVG e para TVE, como Malos tratos, Novo de Parmiude e Morosos varios, e levou á pantalla relatos de grandes escritores galegos do século XX, como Ánxel Fole (Cara de lúa) e Eduardo Blanco Amor (O Noxo) e mesmo participou como actor en series televisivas, como Mareas vivas.

Como dramaturgo, escribiu, entre outras obras, Laudamuco, señor de ningures, Bailadela da morte ditosa, Agasallo de sombras, Días sen gloria, Saxotenor, As actas escuras, Rastros e Animaliños, pero ademais foi actor, director, escenógrafo e iluminador.

Trátase dunha figura imprescindible para comprender a dimensión do teatro galego. Desde aqueles inicios nos anos setenta, coa Xeración Abrente, ata o ano mesmo da súa morte, a produción literaria de Vidal Bolaño é constante e sempre orientada a armar un edificio teatral galego perdurable. Só uns meses antes do seu pasamento, aos 52 anos, na revista A trabe de ouro publicouse o texto do seu monólogo Sen ir máis lonxe, que Xosé Luís Méndez Ferrín, agora presidente da Real Academia Galega (RAG), calificou como o seu testamento dramático. Ese mesmo ano, a RAG nomeouno académico correspondente. Entre os premios que recibiu, está o premio Max de Teatro (2001) ao mellor texto teatral en galego e o premio Álvaro Cunqueiro.

A produción de Vidal Bolaño caracterízase por un irrevogable compromiso coa lingua galega, que contribuíu á definitiva instalación do teatro en galego. Ademais, hai na súa obra un inequívoco compromiso estético. Todos os estudosos coinciden en salientar a súa constante preocupación pola experimentación, por dialogar coa tradición culta e popular, literaria e histórica, social e política. Vidal Bolaño non é só un autor imprescindible para a literatura galega, senón que é considerado un dos dramaturgos europeos máis importantes do último cuarto do século XX. Pero foi tamén un excelente actor e un dos pioneiros da produción audiovisual en Galicia (sempre dicía que en realidade el quixo ser director de cinema).