Se existe un cantante masculino representativo do fado portugués este é, sen dúbida algunha, Carlos do Carmo. Considerado o gran mestre deste estilo, estará actuando na Coruña o vindeiro xoves ás 20.30 no Pazo da Ópera dentro do ciclo Noches de Duende y Fado, que terá como vindeiro convidado a Miguel Poveda, quen actuará por primeira vez na cidade o 19 de xullo realizando un recital no que vai mesturar copla e flamenco. Cando conversamos con Do Carmo no festival Cantos na Maré, o artista lembraba con simpatía o concerto que dera hai anos, no mesmo espazo, na cidade herculina, "xa que estaba cheo o patio de butacas e correu ben". Mobilizar ao público ese día era complicado, posto que daquela coincidiu cun concerto que daban Os Cempés no teatro Rosalía.

Iso fala do tirón dun artista que realizará un percorrido polos seus temas máis emblemáticos neste recital. Hai once anos, o cantante tivo un aneurisma do que saíu adiante logo de tres operacións e por iso agora manifesta que se ergue "sempre disposto". Aquela época fíxolle pasar por momentos de "gran reflexión" e considera que as persoas "debemos ser humildes, xa que somos demasiado insignificantes para nos conceder tanta importancia. Se o home fose máis modesto e solidario podería transformar o mundo nun sitio mellor". Do Carmo foi o padriño da candidatura á Unesco que lle concedeu ao fado o título de patrimonio inmaterial da humanidade. As entradas para o concerto poden adquirirse en www.novagaliciabanco.es e no número de teléfono 902 434 443. Ademais, quen o prefira, poderá collelas na propia billeteira do Pazo da Ópera.