O presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, asinou onte en Lugo un convenio co presidente da Radio Lugo-Cadena SER, JulioBeberide Martínez, para a cesión das máis de 1.000 voces que compón o proxecto O son da nosa fala. 1.000 voces para Celso Emilio Ferreiro.

A rúbrica materializouse nun acto no que tamén estiveron presentes o presidente da Deputación de Lugo, Xosé Ramón Gómez Besteiro; o concelleiro de Cultura de Lugo, Antón Bao, e o fillo de Celso Emilio Ferreiro, Luís Ferreiro.

O Grupo Radio Lugo, a través dos profesionais Paco Nieto e Tania Lombao, impulsa un proxecto de promoción cultural e lingüística con motivo da celebración neste 2012 do centenario do nacemento do escritor de Celanova Celso Emilio Ferreiro.

A través desta iniciativa, as ondas da Cadena SER na provincia de Lugo emiten diariamente un mínimo de tres poemas ou pezas biográficas sobre o autor, recitados por persoas da esfera política, cultural e social de Galicia, así como por persoas anónimas e xente procedente de máis de vinte países de todo o mundo.

A sinatura do convenio foi un acto simbólico en que a Radio Lugo cedeu un CD cunha mostra de cincuenta poemas, mais que se materializará no mes de xaneiro, cando a emisora decana de Lugo doe a totalidade de arquivos que sexan emitidos até o último día deste ano.

O presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, que tamén asinou no Libro de Ouro da Deputación, destacou no seu discurso a proxección da poesía de Celso Emilio Ferreiro en todo o Estado, tendo en conta que os seus poemarios chegaron a ser "máis universais que os de Rosalía de Castro, que sae menos da casa", ironizou.

Así mesmo, revelou que é a primeira iniciativa deste tipo da que el ten consciencia e, neste sentido, admitiu que "conseguir que máis de 1.000 persoas diferentes reciten un poeta e que sexa emitido polas ondas é algo moi difícil".

Nesta mesma liña, o concelleiro de Cultura de Lugo, Antón Bao, destacou o carácter "popular desta iniciativa", tendo en conta que se conseguiu unha importante participación de persoas anónimas, que quixeron expandir a poesía do de Celanova "coas súas voces libres", como dixo Ferrín.

O fillo de Celso Emilio, Luís Ferreiro, agradeceu esta "orixinal iniciativa" e asegurou que "cumpre cun dos desexos de Ferreiro, de que a poesía debe difundirse no pobo e non só no círculo de literatos".

O presidente do Grupo Radio Lugo, relatou a traxectoria da emisora canto ao seu compromiso co idioma galego desde que iniciou as súas emisións en 1935, e fixo referencia a programas como Galicia Hoxe.

Pola súa parte, o presidente da Deputación, Xosé Ramón Gómez Besteiro, recoñeceu que existen numerosas homenaxes promovidas por institucións e asociacións mais ningunha con este carácter tan popular.

"Un proxecto moi bonito en que uns fixérono mellor que outros", ironizou o presidente pondo un toque de humor ao acto.