Vén de saír á luz o segundo álbum do dúo 2us, titulado Dous, formado polo noso entrevistado e Pablo Carrera.

-Fan vostedes un traballo moi ecléctico. A idea é compoñer sen pensar premeditadamente en ningún estilo musical?

-Facemos o que veña á cabeza, pero tentamos darlle unha certa unión. Nas pezas están reflectidas todas as nosas influencias. Deixamos fóra algunha porque resultaba demasiado estridente e nesta obra queríamos tocar bonito.

-Contan con menos músicos convidados neste álbum. É por algunha razón en especial?

-A nosa idea é que a obra achegase máis ao ouvinte á realidade do que sería un concerto do dúo. O repertorio está pensado para dúo e nalgunha peza engadimos outros instrumentos. Cando o cachet nolo permite facemos concertos a trío e incluso cun cuarteto.

-Con 2us xa comezan a ter unha certa liña marcada. Supoño que pretenden ir achando paseniñamente ao seu público.

-E ese público vai chegando. Sabemos que isto é unha carreira de fondo. Estamos moi ledos cando tocamos para 50-100 persoas porque cando lles gusta e mercan o álbum logo coméntanche as súas sensacións. Énchenos máis ese contacto directo co público, que ten nome propio, que non tocar para masas.

-Compoñen sempre a dúo ou traballan cada un na súa casa e logo arranxan a peza de forma conxunta?

-A maioría do traballo é conxunto, aínda que algunha vez pode chegar un de nós cunha peza xa máis pechada. Seguimos efectuando unha improvisación libre, que logo gravamos e sirve para realizar unha boa autocrítica. Desa improvisación xorden moitas ideas que acaban por rematar en temas. Tamén tocamos moito para a arteterapia, onde estamos ata seis horas improvisando mentres os participantes neses cursos están a bailar.

-Para cando estará preparado o segundo disco de Caramuxo ?

-Este ano decidimos que deberiamos pechar o repertorio e xa temos seis pezas preparadas. No que resta de ano esperamos ter outras tantas. Queremos gravalo en directo e sacalo no 2013. Seguiremos máis ou menos na mesma liña musical e incorporaremos algún instrumento novo.