Nos últimos tempos, Ry Cooder está a realizar cancións que conteñen unhas letras que deixan moi claros os seus posicionamentos ideolóxicos. Neste novo álbum, titulado Election Special, entra de cheo na contenda electoral que ten lugar no seu país e a primeira peza que se pode escoitar, Mutt Romney Blues, dá voz ao can do candidato republicano para fustrigar o ideario do aspirante á presidencia.

Semella que o espírito do mítico Woody Guthrie paire en momentos moi determinados sobre esta obra, sobre todo nos achegamentos ao folk do californiano, tal como sucede en Going To Tampa, onde realiza unha dura crítica aos valores encarnados polo Tea Party e Brother Is Gone, tema no que alza a voz contra os ricos insolidarios.

Tamén canta Guantanamo, podemos imaxinar por onde atacará o músico na súa defensa dos dereitos humanos, e The Wall Street Part of Town, no que volve ter importancia a economía e a actual crise que devora traballos e benestar social a un ritmo acelerado, como o que posúe a propia canción. Estas dúas pezas son a parte máis rockeira da obra. Cun tempo marcado de blues, o tema Cold Cold Feeling fala do actual inquilino da Casa Branca e bota unha ollada sobre as reflexións de quen senta nesa cadeira de mando tan poderosa. E na letra pode escoitarse que antes de realizar críticas "deberían camiñar unha milla nos zapatos presidenciais". A mensaxe do músico é ben clara.

O propio Cooder toca case todos os instrumentos e encargouse da produción. Este disco é un traballo moi persoal no que mestura sonoridades de blues, folk e rock. Esta é a reflexión que fixo o músico sobre a situación actual: "Aquí estades vós, os cidadáns, correndo en círculos coma un polo sen cabeza. E alí están eles, todos eles, conducindo ao rabaño velozmente a través dun labirinto de trolas e distracción. A quen crer? Necesitamos ferramentas sinxelas, e disto tratan todas estas cancións do álbum".