O mítico artista do reggae Jimmy Cliff vén de sacar un novo álbum, titulado Rebirth. Sete anos despois de publicar Black magic, onde facía achegamentos á música electrónica, o xamaicano confesa que tiña a necesidade de voltar "ás raíces e á tradición. A xente necesita lembrar de onde vén a música é que aínda ten moito valor".

O músico reflexiona sobre o acontecido nalgúns momentos da súa exitosa carreira: "Cando principiei a probar outros estilos que non eran reggae a xente non o comprendeu e quizais iso lles fixo infelices, por iso é importante voltar e que eles vexan que aínda me identifico e amo esa parte das miñas raíces". O disco inclúe unha versión de Guns of Brixton, do grupo The Clash, e outra de Ruby Soho, do conxunto punk estadounidense Rancid. O cantante desa formación, Tim Armstrong, é o produtor da obra.

Rebirth gravouse de xeito "tradicional, como o faciamos antes. Esa é a gran diferencia deste álbum". Cliff afirma que a música que realiza é global, malia que as súas raíces estean claramente asentadas no país do reggae. "Calquera parte do mundo pódeme inspirar. Non hai fronteiras para iso, en absoluto". Aos seus 64 anos, o cantante recoñece que lle quedan moitas cousas por facer. "Aínda non escribín as miñas mellores cancións", indica. Durante os últimos sete anos adicou o seu tempo a escribir, viaxar e construír o seu propio estudo musical en Xamaica. A última obra do artista seguro que non vai defraudar aos amantes do estilo musical que practica, posto que nas composicións recupera sensacións de obras pasadas e sirve aos ouvintes un bonito traballo.