Cada mes que pasa comprobamos que no eido cultural a solución do crowdfunding para montar novos proxectos ten un maior número de adeptos.Que as persoas interesadas adianten o prezo do produto que van mercar arranxa problemas de financiamento para os creadores. Se hai uns meses comentabamos o éxito colleitado polos Cempés para editar o seu novo álbum, agora son Fernando Barroso e o luso Luis Peixoto os que decidiron contar por anticipado cos cartos do público interesado en escoitaras pezas que van compoñer Pop. Barroso valora positivamente o apoio obtido para poder realizar o álbum, ao recadar os tres mil euros que precisaban. Nestes momentos están a pechar algún concerto privado para mecenas. "Creo que este sistema deixará de ser unha novidade axiña e vaise converter como unha tenda de música, que che vai permitir que chegue á túa casa con total comodidade o disco que queres", asegura.

Encanto ao quizais chocante nome de Pop para o álbum, dado que os artistas móvense dentro dos parámetros da música de raíz, manifesta Barroso que "non sabiamos situar moi ben o noso estilo, aínda que os instrumentos que empregamos e a música que nos veu alimentando na nosa traxectoria marcan un referente cara á tradición e o popular e ese pop do título pode entreverse como unha abreviatura de popular". Case todos os temas son composicións dos dous músicos, que tocan instrumentos de corda, e no disco soarán, entre outros, bouzouki, mandolina, guitarra portuguesa e cavaquinho, polo que, citando ás súas referencias, aparecen nomes como os do portugués Júlio Pereira e o galego Pancho Álvarez.