Dende a zona de Toutón, pertencente ao concello de Mondariz, aparece no panorama discográfico galego un novo traballo de música tradicional. Afortunadamente todos os anos existen propostas musicais en forma de álbumes que fomentan e enriquecen un sector que goza de importancia dentro da cultura galega.

Aínda que o labor de recolleita da formación principiou nos anos noventa é dende o ano 2008 que a cantareiras Pedraquetiña, nome tomado dun lugar singular da parroquia de Toutón, decidiron afrontar dun xeito máis profesional o seu labor, coa intención de levalo polos escenarios do país. Este grupo realiza agora o seu debut discográfico coa saída ao mercado de Cantares, unha obra que afonda nas esencias do rico folclore do que gozamos na nosa terra. A formación vogal das viguesas está composta por dez cantareiras. As súas voces están acompañadas enriba do escenario pola seguinte instrumentación: dúas gaitas, tambor, bombo e acordeón.