Natalia Gómez, viúva de Xosé Antón Arjona Santiago, doou á Real Academia Galega (RAG) unhas 60 caixas con libros, documentos, anotacións e artigos de Arjona, un dos primeiros fundadores da Unión do Povo Galego (UPG) en 1963.

"É unha biblioteca xeralista", indicou o presidente da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín, durante o acto no que se asinou un documento para certificar a doazón que, segundo cualificou Méndez Ferrín, resulta un "fondo impagable" para a RAG.

Así, entre os libros que formaban parte da biblioteca de Arjona e que agora pasa a custodiar a RAG destacan obras en inglés, francés e ruso.

Entre elas, as obras completas de Karl Marx e Friedrich Engels, ou a obra de Lenin en ruso. "Son obras que en Galicia só se poderán consultar na RAG", sinalou o seu presidente.

Arjona Santiago naceu na Coruña en 1934. Estudou Filosofía e cursou estudios en Londres e París. En 1963 participou, xunto con Xosé Luís Méndez Ferrín, Xaime Quesada ou Reimundo Patiño, na primeira fundación da UPG, como un partido marxista e nacionalista galego que máis tarde sería refundado.

Pola súa banda, Natalia Gómez mostrouse moi agradecida e indicou que a RAG é "o sitio idóneo" para depositar "a riqueza cultural" que posuía o seu marido, en referencia á biblioteca e demais bens que agora se suman ao fondo da institución galega.

A marxe desta cuestión, a preguntas dos medios, Méndez Ferrín indicou que "hai movementos e consultas" para apoiar á RAG e garantir o seu futuro, aínda que precisou que "é algo que non nos compete senón a líderes sociais e culturais que se mobilicen para buscar os fondos", afirmou respecto ao financiamento da institución.