Adeus ao escritor que dignificou a emigración galega

Galicia chora a Xosé Neira Vilas, o 'neno labrego' máis universal

O escritor falece aos 87 anos. Os seus restos mortais vélanse no altar de San Domingos de Bonaval

28.11.2015 | 20:13
Galicia chora a Xosé Neira Vilas, o 'neno labrego' máis universal
Galicia chora a Xosé Neira Vilas, o 'neno labrego' máis universal
Galicia chora a Xosé Neira Vilas, o 'neno labrego' máis universal
Xosé Neira Vilas, escribindo na súa máquina.

"Eu son Balbino. Un rapaz da aldea. Coma quen dis, un ninguén. E ademais, pobre". Así comeza a novela Memorias dun neno labrego, o best seller da literatura galega que Xosé Neira Vilas escribiu hai 54 anos e que onte, co gallo do pasamento do seu autor, volvían rememorar persoeiros da política e da cultura galegas, pero tamén ducias de xeracións que gracias a este creador descubriron a riqueza da literatura en galego. Non en van, este libro leva vendidos xa más de 700.000 exemplares e traduciuse a 18 idiomas, co que se pode dicir que o seu pai literario é xa dende hai tempo unha figura universal. Neira Vilas faleceu onte á primeira hora da mañá na aldea que o viu nacer e no entorno que, precisamente, inspirara as súas Memorias e tamén boa parte da súa prolífica carreira literaria.

Neira Vilas vivía só na súa casa de Gres dende que falecera a súa esposa Anisia Miranda, o 22 de outubro de 2009. Precisamente, o escritor presidiu o mes pasado un acto con motivo do sexto aniversario do pasamento da súa dona, no que un grupo de nenos recitou poemas da escritora. O autor tiña unha sáude delicada nos últimos meses, e xa o xoves pola noite se atopou lixeiramente indisposto a causa duns mareos. "Estaba fisicamente moi castigado, pero tiña a cabeza estupenda e unhas ganas de vivir enormes", afirmaba o editor Víctor Fernández Freixanes ao chegar á casa de Gres. En abril, Neira Vilas estivera ingresado durante varias semanas en Santiago debido a unha neumonía. Pero daquelas, esas ganas de vivir -que contaxiaba a todos os que o coñecían- puideron coa enfermidade e nestes últimos sete meses sacou adiante os volumes Romería de historias, Semente galega en América e O xardín de Irene. A morte sorprendeuno con outras ideas en marcha, como un proxecto musical con Roi Casal, o libro-disco Cantos de amor e a estrea, en xaneiro, da adaptación teatral de Querido Tomás.

Pero, por riba da súa enorme trascendencia cultural, Neira Vilas quixo sentirse sempre simplemente como un veciño máis da aldea da que marchara no 1949, con 21 anos, e á que voltou, para quedarse de forma definitiva, en 1992. O trato tan próximo que tiña co pouco menos de medio cento de residentes no lugar de Gres explica que dende primeira hora da mañá de onte a conmoción en cada casa fose palpable. A noticia do seu pasamento axiña se espallou, axudada tamén polo rebumbio de persoeiros e medios de comunicación que houbo ao longo de todo o día. Os veciños coincidían en sinalar o seu pesar por unha noticia tan inesperada, máis aínda cando o domingo pasado, hai apenas unha semana, Neira Vilas se desplazara á localidade próxima de Cira (Silleda) para asistir á representación da súa obra infantil Espantallo amigo. Foron numerosos os residentes non só da parroquia, senón tamén de varios puntos de Vila de Cruces e da contorna, que quixeron achegarse á casa familiar para mostrarlle o seu pesar aos parentes do insigne escritor. É que con el marcha un membro dunha familia que se caracterizou por ter sempre as portas abertas aos conveciños porque, lembremos, a casa na que vivía fora antano hospedería de peregrinos a Santiago, pois un ramal da Vía da Prata transcorre pola pasarela de Ponteledesma, a un quilómetro escaso de distancia.

Non faltaron tampouco numerosos persoeiros que foron despedirse de quen moitas veces se definira coma un "xornaleiro das letras", pois ata tal punto chegaba o seu amor polo mundo rural. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, acudiu á localidade. De igual maneira, en torno ao mediodía chegaban a esta aldea aos pés do río Ulla o xa mencionado director de Galaxia, Víctor Fernández Freixanes, e o membro da Real Academia Galega Henrique Monteagudo. E, como un máis da familia -a relación que mantiña con Neira Vilas era moi estreita desde hai anos-, o membro do padroado da Fundación Neira Vilas e secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García Gómez, encargouse de recibir aos que quixeron dar o seu pésame.

O alcalde de Vila de Cruces, Jesús Otero, decretou dacordo cos grupos da oposición dous días de loito e as bandeiras dos consistorios cruceños e de Lalín ondearán a media asta.

Non será a única homenaxe póstuma que se rinda a Neira Vilas nos vindeiros días. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, transmitiu onte o pésame polo pasamento dun "referente único do orgullo e da identidade galega e símbolo de varias xeracións" e destacou "a franqueza da súa obra e a bondade da súa persoa". "O pai de Balbino é un home do que todos nós herdamos unha Galicia mellor, máis libre e orgullosa de si mesma", engade. Tamén o Parlamento de Galicia e a súa Comisión de Cultura manifestaron o pesar pola morte do pai de Balbino, o neno labrego máis coñecido da literatura.

"Era un home comprometido coa educación como instrumento para a igualdade das persoas, para facer que Galicia puidera ter o pulo que o país merece", apunta Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra. Outras institucións e colectivos de distintos puntos de Galicia mostraron as súas condolencias e anunciaron actos de lembranza.

A relevancia deste escritor, que traspasa as fronteiras do Ulla que o viu nacer e incluso tamén do Atlántico que cruzou varias veces durante a súa vida no exilio, explica que a capela mortuoria non sexa na súa casa natal de Gres, senón no altar da igrexa de San Domingos de Bonaval, moi preto do Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago, onde repousa Alfonso Daniel R. Castelao, a quen coñeceu en Bos Aires. Os seus restos mortais foron trasladados ás 17.30 á igrexa parroquial de Gres, onde foi o funeral e o soterramento.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Noticias relacionadas

Lotería del Niño 2014

Comprobar Lotería del Niño

Toda la información de la Lotería del Niño. Comprueba los números premiados con nuestro widget de la Lotería del Niño.

 
Enlaces recomendados: Premios Cine