Xosé Neira Vilas residiu máis de corenta anos na diáspora -marchou en 1949 con 21 anos e regresou de forma definitiva no 1992-, e de aí que a súa pegada alén do mar sexa moi importante. Entre as ducias de comunicados que se fixeron públicas onte polo falecemento deste membro numerario da Real Academia Galega destaca o dos colectivos de emigrantes galegos en Cuba Hijos del Ayuntamiento de La Estrada e Hijos del Partido de Lalín. As xuntas directivas de ambas entidades amosaban onte o seu "máis profundo pesar do amigo Xosé Neira Vilas", quen ademais foi socio de honor das dúas agrupacións. Afirman que "a cultura galega está de loito" e queren facerlle chegar a todo o pobo galego "as nosas máis sinceras condolencias".