Toda Galicia chora dende onte o falecemento de Xosé Neira Vilas aos 87 anos de idade, pero un dos rincóns da comunidade onde a morte do autor de Memorias dun neno labrego deixa un baleiro, se cabe, aínda maior, é en Oleiros. Na parroquia de Perillo ten unha rúa, e tamén alí está o único instituto de ensino secundario que leva o seu nome, un centro que o escritor visitaba con frecuencia e onde o pasado 3 de novembro celebrou, cos alumnos, o seu último aniversario. Ese día, Neira Vilas foi agasallado cunha felicitación e cun vídeo realizado polos departamentos de Dinamización da Lingua e de Actividades Extraescolares no que colaboraron o profesorado, os conserxes e os estudantes. A imaxe do encontro, un dos últimos actos públicos nos que se viu ao escritor, está colgada na páxina web de instituto, que desde onte loce un crespón negro.

Nada máis coñecerse o pasamento, o alcalde, Ángel García Seoane, calificou de "amigo entrañable" da localidade ao escritor, e salientou que Oleiros "sempre lembrará as vivencias que desde o ano 1989 tivemos ocasión de compartir e gozar con el e a súa compañeira, Anisia". García Seoane estará hoxe na parroquia de Gres (Vila de Cruces) para despedir a Neira Vilas no cemiterio, "ao carón da súa querida casa e sede da Fundación onde tantas veces recibiu a veciños oleirenses acolléndoos co calor e agarimo que sempre tivo con todos e todas nós", sinalou o rexedor.

Tamén na cidade da Coruña o falecemento de Neira Vilas causou un fondo pesar. O rexedor coruñés, Xulio Ferreiro, lamentou "profundamente" a morte do escritor, e destacou que Memorias dun Neno Labrego é un libro "co que se identificaron varias xeracións de galegos e galegas, entre eles, a miña". A condición de emigrante, presente en todos os seus escritos, "tamén contribuiu ao coñecemento da súa obra e a complicidade e cariño que espertou", apuntou Ferreiro, quen destacou a vinculación de Neira Vilas coa cidade da Coruña, a través tanto da Universidade, como das súas anuais visitas á Feira do Libro, ou pola súa condición de membro da Real Academia Galega (RAG), institución centenaria que ten a súa sede na cidade.