O teólogo e escritor Xosé Chao Rego, natural de Vilalba (Lugo), faleceu onte en Santiago aos 83 anos de idade. Irmán do xornalista e tamén escritor Ramón Chao e tío do cantante Manu Chao, estudou Filosofía en Salamanca e Madrid e Teoloxía en Roma, foi párroco en Ferrol durante 17 anos e, tras secularizarse, foi profesor de instituto en Vilalba e Santiago.

Publicou decenas de ensaios e de obras relacionadas con asuntos culturais e sociais, e dende o ano 2002 era socio de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG).

Tras coñecerse o seu falecemento, A Mesa pola Normalización Lingüística expresou o seu "loito" polo autor galego "máis prolífico", e considerouno un "exemplo de compromiso con Galicia, coa súa lingua e con todas as causas xustas".