O músico coruñés Xabier Díaz participa estes días xunto ao ferrolano Fernando Barroso e outros sete músicos de Escocia, Gales, Arxentina e Uruguai nun laboratorio de creación musical colectiva que se desenvolve na cidade de Bos Aires.

Presentarán o resultado o 21 de xaneiro no festival Celtic Connections que se celebra en Glasgow e que este ano conta entre os seus convidados co ex Led Zeppelin, Robert Plant, o exguitarrista de Suede, Bernard Butler, e o exfundador de Everything but the girl, Ben Watt, nunha homenaxe ao músico escocés de folk, Bert Jansch.

Rómulo Sanjurjo, membro dos Diplomáticos de Monte Alto, tamén forma parte dirección artística do programa chamado Nexo. A produción é de Jau, unha empresa galega con sede na Coruña e Bos Aires.

Trátase dunha iniciativa impulsada polo British Council e Wales Arts International, integrada pola Axencia Galega das Industrias Culturais, Agadic, coa colaboración de Creative Scotland (Reino Unido) e a Fundación SGAE.