Esta décimo quinta edición dos galardóns vén marcada pola forte presencia nas candidaturas de catro traballos, que só deixan espazo entre os finalistas a dúas cancións doutras obras. Un deses temas é a Habaneira de Berlín, un tema composto por Alba María, unha cantante moza de vinte anos que debuta no eido discográfico con Aínda. O outro provén dun álbum de música infantil, xa o ano pasado Magín Blanco optara a dous galardóns cunha obra dirixida aos máis pequenos, o que significa que ese tipo de producións está logrando chamar a atención de toda a familia ou, cando menos, dos adultos que forman o xurado. Trátase da canción Libre para voar, composta polo brasileiro Sérgio Tannus, finalista noutra edición como artista, quen conta coa voz de Sonia Lebedynki, coa que está ultimando o lanzamento como solista da coruñesa para os vindeiros meses.

Completan o cuarteto de temas orixinais a composición Retello, realizada polo frautista Fernando Pérez para o disco da banda Riobó e Treboada, unha descarga contundente provocada polo maxín creativo do gaiteiro e frautista Pepe Vaamonde, quen é un dos elixidos para poder facerse co galardón como mellor artista do ano 2015. O músico é o líder dunha formación que leva o seu nome e que colocou o seu máis recente traballo, Nas Pedras do Lar, como finalista a mellor álbum. É o cuarto disco do conxunto, que xa lograra un PREMIOS OPINIÓN coa súa opera prima Aviouga, considerado o terceiro mellor traballo do ano no antigo formato dos galardóns.

A violinista Begoña Riobó aparece por segunda ocasión como finalista a artista do ano. O seu instrumento ten un protagonismo especial nunha banda á que deu nome e ademais das súas calidades técnicas evidentes é unha das persoas que mellor sabe transmitir dende un escenario. O grupo Riobó acadou o nomeamento de finalista a mellor disco con Quiral, que constitúe o seu segundo álbum. Os seus compoñentes están mergullados en moitos proxectos e iso fai difícil unha maior continuidade discográfica coa formación. O seu debut produciuse en 2011.

A presencia da Orquestra de Jazz de Galicia cun proxecto baseado estritamente en música tradicional galega marca un punto de inflexión na nosa música. Guste máis ou menos estamos diante dun traballo histórico que foi quen de unir dous mundos que non tiñan demasiada convivencia e fixérono con moita soltura. Pedro Lamas é o elo que une jazz e tradición galega e o seu colega imprescindible para elaborar unha obra ambiciosa, con máis de corenta músicos gravando no Auditorio de Galicia de Compostela, foi o saxofonista Roberto Somoza, dous homes que decidiron tirar cara adiante por moitas dificultades que acharon no camiño. O resultado de todo iso é Fame, unha obra que ocupa un lugar no cuarteto de posibles gañadores e a nivel particular o dúo responsable do proxecto xa fixo historia nos nosos premios, pois é a primeira vez que existe unha candidatura conxunta, posto que as circunstancias nos levaron a considerar que non tiña sentido que fosen por separado, dado que os arranxos dos temas veñen asinados polos dous e compartiron todo o proceso. Polo tanto, convértense na excepción dunha candidatura que seguirá a ter, malia outro caso semellante, como finalistas a catro persoas.

O cantante coruñés Xabier Díaz xuntou ás Adufeiras de Salitre para elaborar The Tambourine Man, unha chiscada a Dylan, un traballo que afonda con gusto na música tradicional do país e realiza un percorrido por temas que chamaron a atención do cantante, que con este álbum deu o seu terceiro paso como solista. Coa súa ópera prima xa lograra un PREMIO OPINIÓN e agora loitará por poder levar outro a casa, xa sexa como mellor disco ou artista.