Hai uns días soubemos que The Tambourine Man, o traballo de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, e Fame, da Orquestra de Jazz de Galicia, obtiveron catro candidaturas aos PREMIOS OPINIÓN da Música de Raíz e agora o seu bo facer vén referendado por xornalistas europeos especializados en world music. Díaz entrou na lista de WMCE o mes pasado e mantén unha excelente cuarta posición en marzo, amosando que a música tradicional galega pode ter repercusión alén das nosas fronteiras e supón un descubrimento para algúns ouvintes descoñecedores do que se fai pola nosa terra.

Este mes vai acompañado na prestixiosa lista polos compoñentes da Orquestra de Jazz de Galicia, que logran o vixésimo posto co seu álbum Fame. Nesa obra volve aparecer no repertorio a música tradicional do país, aínda que nesta ocasión adobiada coas sonoridades jazzísticas propias dunha orquestra que leva ese nome. A mestura entre eses mundos supón un paso novidoso na música galega e os xornalistas do Vello Continente deron o seu visto bo cos seus votos a esa fusión realizada con gusto.

É a primeira vez na historia que dous discos galegos forman parte dos elixidos no Top 20 mensual elaborado por World Music Charts Europe (WMCE). Pode ser un feito illado ou ao mellor significa que os nosos artistas comezan a tomar posicións a nivel internacional. Tendo este ano o Womex, e o programa Focus que naceu coa idea de presentar aos programadores artistas galegos, novamente en Santiago de Compostela ogallá iso axude a ter unha maior visibilidade no estranxeiro. Xabier Díaz valora moi positivamente o seu segundo mes ocupando a cuarta praza "na lista máis importante de world music a nivel europeo e ficar no top ten por dous meses consecutivos é importante, e máis tendo en conta que son case cincuenta dos máis sobranceiros xornalistas deste xénero os que poden votar".

O coruñés canta como solista nun par de pezas do traballo elaborado pola Orquestra de Jazz de Galicia e sinala que "compartir lista con discos e artistas admirados e gañar dimensión alén das nosas fronteiras sempre é un motivo de celebración".

Pola súa banda, Pedro Lamas opina que para a Orquestra de Jazz de Galicia esa presencia no TOP-20 "supón un novo acicate no noso empeño por dar visibilidade internacional á música que se fai en Galicia, nun escaparate que fai posible que o noso traballo pase a ter unha maior difusión no circuíto europeo". No que atinxe a compartir lista con outro álbum galego, o músico sinala "que esa coincidencia por primeira vez na historia reflicte a boa saúde actual da música galega e fala do seu potencial para poder consolidar unha marca de país no mercado internacional".