O 21 de marzo de 1916 saíu do prelo na Tipografía Obrera coruñesa a primeira edición de Nacionalismo gallego. Nuestra 'afirmación' regional. Antón Villar Ponte defendía neste folleto o uso do galego en todos os contextos e consideraba urxente fomentar o desenvolvemento da Liga de Amigos del Idioma. Esta obra, que se escribiu por razóns "de propaganda" en castelán, abre o espazo web creado pola Real Academia Galega (RAG) para celebrar o centenario do nacemento das Irmandades da Fala, fundadas o 18 de maio de 1916 no local que daquela tiña esta institución na rúa Riego de Auga da Coruña.

O portal da RAG inaugurou onte esta nova sección, As Irmandades da Fala nos Fondos da Academia, xusto cen anos despois da publicación desta obra de Antón Villar Ponte, fundador deste movemento chave na defensa da lingua galega e de Galicia como suxeito político. Ao longo do ano, este espazo irá amosando en versión dixital distintas publicacións e documentos históricos relacionados coas Irmandades da Fala conservados na Real Academia Galega.

Nacionalismo gallego. Nuestra 'afirmación' regional, presentado na cuberta como "apuntes para un libro", recolle as ideas e argumentos, e mesmo parágrafos literais, dos artigos que Antón Villar Ponte publicou a prol do idioma e da reorganización do galeguismo. Dous meses despois, nacía a primeira das Irmandades da Fala, a da Coruña, nunha xuntanza que arrincou cunhas palabras do xornalista.

Foi Ramón Villar Ponte quen tivo a idea de crear unhas Irmandades da Fala, segundo explicaba o seu irmán Antón nun artigo publicado en A Nosa Terra co gallo do segundo aniversario da fundación do movemento. Porén, o seu irmán Ramón negouno décadas despois no seu discurso de ingreso na RAG (1951), no que definía a Antón como "pai feliz da idea".

As Irmandades da Fala promoveron o uso do idioma galego en todo tipo de contextos, desde a oratoria política e o ensino ao ámbito científico.