Ademais da actuación realizada hai cinco anos coa banda Axada, a figura de Pedro Lamas viuse tres veces máis enriba do escenario na cerimonia de entrega de galardóns. Participou como compoñente de Nova Galega de Danza no concerto no que actuaron xunto a Espido e Xabier Díaz, e canda Jacobo de Miguel e Antonio Rodríguez montou un trío que formou parte do elenco na gala en que foi homenaxeado o grupo Milladoiro, co gallo do seu trinta aniversario no mundo da música. Recentemente interveu como responsable da Agrupación Instrumental da Escola de Folclore de Betanzos, formada por alumnos seus. Lamas realiza unha valoración global das anteriores presencias en escena. "Sempre acontecen cousas especiais nesas galas dos PREMIOS OPINIÓN. Alí provócanse situacións que son únicas e que fan inesquecibles todas as participacións que tiven nelas".