A cita anual imprescindible da música de raíz terá lugar hoxe ás oito e media do serán no teatro Rosalía de Castro. Na gala de entrega dos galardóns máis veteranos da escena musical galega coñeceranse os gañadores nas categorías de mellor tema orixinal, disco e artista, mentres que o recoñecemento á traxectoria xa se sabe que recaeu, na súa novena edición, no cantautor Amancio Prada.

Cúmprese o décimo quinto aniversario dun premio no que, ao longo dos anos, aparecen no seu palmarés os mellores músicos galegos que se moven no campo da música de raíz, que nos últimos tempos foi ofrecendo propostas do máis variadas para ampliar o abano de opcións sonoras dun estilo que non para de moverse na procura de novas posibilidades expresivas. Malia que non falemos de algo moderno, Xosé Lois Romero&Aliboria van propor algo distinto ao que se estaba afeito a escoitar. Velaí aparece unha formación que nace coa idea de aportar algo diferente ao que existía. Eles son os encargados de abrir a gala.

Despois da concesión dos galardóns chegará o peche da noite coa presencia de Axada, unha banda formada expresamente para tocar nos PREMIOS OPINIÓN, debutou hai cinco anos na gala, e que agora vai realizar a súa segunda aparición pública cun conxunto de artistas de primeiro nivel dentro da música galega. Baixo a dirección musical de Pedro Lamas (saxos e gaita), o conxunto está formado por Begoña Lorenzo (voz), Manuel Paino (trompeta), Roberto Somoza (saxos, clarinete e frauta traveseira), Carlos Figueira (trombón e bombardino), Begoña Riobó (violín), Rubén Barros (guitarras), Suso Iglesias (acordeón), Simón García (contrabaixo) e Carlos Castro (batería e percusións).

Da presentación ocuparase a xornalista Ana Pérez, un rostro coñecido da Televisión de Galicia que na actualidade presenta o espazo Galicia Noticias Mediodía.