Manuel María, un nome para entender Galicia

Tras unha intensa actividade como autor e editor tivo un recoñecemento especial durante todo o ano, un eco que se acentúa mañá no seu Outeiro de Rei natal, cos actos centrais do Día das Letras Galegas

16.05.2016 | 17:48
Manuel María, un nome para entender Galicia

Manuel María Fernández Teixeiro é o autor homenaxeado das Letras Galegas 2016 por mor dunha ampla carreira na que se converteu nun home chave para entender a Galicia actual, como unha das persoas máis influentes na política e a cultura da Comunidade na segunda metade do século XX.

Manuel María naceu o 6 de outubro de 1929 na localidade lucense de Outeiro de Rei no seo dunha familia acomodada de campesiños, aínda que se trasladou a Lugo con trece anos para estudar, fíxose procurador de tribunais e permaneceu toda a súa vida laboral en Monforte de Lemos.

A súa carreira literaria arrincou en Lugo e, agás uns versos xuvenís, a súa extensa obra está escrita en galego desde o seu primeiro libro de poemas "Muiñeiro de brétemas", que publicou en 1950 con 21 anos cumpridos.

Xunto á súa esposa, Saleta Goi, formou unha "parella de exemplar militancia política e cultural", segundo explicaron Margarita Ledo, Darío Xohán Cabana, Fina Casalderrey, Víctor Fernández Freixanes, Xosé Luís Regueira e Manuel Rivas, os académicos que avalaron a súa candidatura elixida o pasado 4 de xullo de 2015.

Ela rexentou a librería Xistral antes do traslado de ambos á cidade da Coruña, xa como xubilados, onde él faleceu en 2004 como membro da RAG. A súa cadeira ocúpaa hoxe Darío Xohán Cabana, tras un ingreso multitudinario nun pleno celebrado en Vilalba en 2003.

Manuel María cultivou a poesía, o teatro, a narrativa, o ensaio, a conferencia e o xornalismo literario nun centenar de obras que agora serán revisadas e actualizadas pola homenaxe que recibe este 17 de maio, día da grande festa do idioma.

O seu compromiso non só foi coa cultura, senón que tamén achegou ao panorama político galego con militancia en opcións nacionalistas de esquerdas que chegaron ata un posto de concelleiro en Monforte polo Bloque Nacional Popular Galego en 1979, nunha militancia política que endexamáis abandoaría.

Así, deixou o seu cargo en 1985, pero seguiu implicado en diversas causas ata o final dos seus días, que acabaron na Coruña, onde se asentou toda vez que deixou a provincia de Lugo.

Brilou de maneira especial, segundo destacan os seus avalistas, no mundo da poesía cunha obra multiforme que vai dende o máis intimista e persoal á musa cívica e nacional, do verso libre ao soneto, das coplas e romances ao gusto popular, e ata ás formas máis vangardistas.

Libros como "Terra Chá" hoxe están de actualidade e a súa lectura habitual fai que se volvan a editar mentres aumenta a popularidade deste autor.

O seu papel na normalización lingüística destaca, pois sempre estivo presente nos centros escolares e alí continúa, aínda que a través das súas obras, un dos motivos que levou á RAG a decantarse pola súa figura para as Letras Galegas.

Actividades pedagóxicas, como o teatro escolar, e a súa chegada ao mundo da canción serviron para popularizar a este peculiar escritor ao que definen como un "xigante" da literatura.

É un dos autores galegos de cuxos poemas naceron máis cancións e innumerables artistas e grupos atoparon nel non soamente ao escritor do que podían conseguir letras, senón ao amigo e axudante que non tiña maior problema en acceder a poemas por encargo.

O éxito popular da súa homenaxe está garantido porque Manuel María Fernández Teixeiro é coñecido entre maiores e menores en Galicia dentro e fóra do mundo académico.

Deixou memoria da súa presenza e numerosos amigos e lectores tras unha actividade como autor e editor intensa e ampla que tivo un recoñecemento especial durante todo o ano, un eco que se acentúa mañá no seu Outeiro de Rei natal, cos actos centrais do Día das Letras Galegas dedicados a este galego exemplar.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Lotería del Niño 2014

Comprobar Lotería del Niño

Toda la información de la Lotería del Niño. Comprueba los números premiados con nuestro widget de la Lotería del Niño.

 
Enlaces recomendados: Premios Cine