Carlos Casares será o escritor homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2017. O autor ourensán impúxose onte na votación do plenario da Real Academia Galega (RAG) a Ricardo Carvalho Calero, Plácido Castro e Antonio Fernández Morales, os outros tres candidatos a protagonizar a próxima edición da gran festa da literatura en galego. O encargado de comunicar a personalidade literaria elixida foi o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, quen tamén avanzou o nomeamento como académica numeraria electa de Marilar Aleixandre, e a oficialización das propostas de Chus Pato para ocupar a vacante de número producida polo pasamento de Xosé Fernández Ferreiro, e de Clodio González Pérez como académico correspondente.

Narrador, ensaísta, articulista de prensa, editor e dinamizador cultural, Carlos Casares (Ourense, 1941-Nigrán, 2002) "é unha das figuras máis senlleiras e renovadoras da literatura galega das últimas décadas do século XX", salientou a RAG, que recordou que "o humor e a sinxeleza e a claridade no tratamento dos temas que lle afectan ao mundo actual constitúen os trazos máis característicos do seu estilo narrativo e ensaístico, que lle reportou un gran recoñecemento do público e da crítica".

Alén do seu talento literario, Casares foi "un intelectual de relevo extraordinario que destacou, tamén, pola súa implicación na vida cultural, social e institucional do país e por unha laboriosidade incansable, ao tempo intelixente e reflexiva, e sempre cun compromiso inequívoco coa lingua galega". A RAG considera que "a calidade, a vocación abertamente comunicativa e o carácter variado da súa obra", que incluíu a literatura infantil, o xornalismo e o ensaio, converten ao autor ourensán nun escritor "especialmente idóneo" para protagonizar a celebración das Letras Galegas de 2017. "Con toda seguranza, reforzará o prestixio das nosas lingua e literatura non soamente entre o público escolar e estudantil en xeral, senón entre o gran público lector, que xa celebrou en vida a súa espléndida obra literaria", destacou a institución académica nun comunicado.

O secretario da RAG, Henrique Monteagudo, recoñeceu que "houbo unha única votación" porque "Carlos Casares obtivo unha maioría absoluta de apoios na primeira", ao acadar catorce dos vintecatro votos. Os proponentes da súa candidatura foron Fina Casalderrey, Francisco Díaz-Ferros, Manuel Rivas, Ramón Villares, Luz Pozo Garza, Salvador García-Bodaño e Víctor Freixanes, quen salientou que o escritor ourensán "é un autor que alcanza todos os xéneros e todas as idades". "Como autor plural, ten unha enorme capacidade de chegar aos lectores novos, os estudantes de Primaria, Secundaria e Bacharelato", sinalou Freixanes. O director da Editorial Galaxia explicou que os académicos pensaron que "despois da experiencia do ano de Manuel María", a quen se lle dedicou o último Día das Letras Galegas, sería "conveniente" seguir a mesma senda, buscando "a dinamización dos sectores máis novos da sociedade".

Prosista en distintos xéneros

Carlos Casares naceu en 1941 en Ourense e desde os 3 anos pasou a súa infancia en Xinzo de Limia. A súa vocación literaria empezou a se manifestar xa na adolescencia, cando gañou un premio que lle permitiu coñecer a Vicente Risco. Xa na etapa universitaria, na que se especializou en Filoloxía Románica en Santiago de Compostela, entrou en contacto co núcleo da cultura galega antifranquista mentres continuaba a cultivar o seu perfil literario.

En 1967 publicou a súa primeira obra, o libro de relatos Vento ferido, dentro da colección Illa Nova de Galaxia, e pouco despois converteuse nun pioneiro da literatura infantil en galego: en 1968 gañou co relato A galiña azul o I Concurso de Contos Infantís da Asociación Cultural O Facho e, en 1973, o I Concurso de Teatro Infantil da mesma entidade con As laranxas máis laranxas de todas as laranxas.

En 1975, Xoguetes para un tempo prohibido reportoulle o Premio Galaxia e o Premio da Crítica de narrativa galega da Asociación Española de Críticos Literarios. Casares era xa, entón, unha das voces emerxentes máis renovadoras e significativas da narrativa galega, recoñecida en 1978 co seu ingreso na RAG, onde foi o membro de número máis novo.

Nos anos da transición e do comezo da democracia, participou activamente na reivindicación autonómica, e como parlamentario independente nas listas do PSdeG-PSOE, traballou arreo para sacar adiante a Lei de Normalización Lingüística (1983). Rematada a primeira lexislatura da autonomía, centrou o seu traballo no eido cultural como director da editorial Galaxia (1986-2002) e da revista Grial (1988-2002) e, máis adiante, tamén como presidente do Consello da Cultura Galega (1996-2002).

Malia os seus múltiples compromisos, Casares non abandonou nunca a escrita e seguiu a publicar obras con moi boa acollida do público, como a colección de relatos Os escuros soños de Clío (1979), as novelas Ilustrísima, Premio da Crítica Galega de 1982; Os mortos daquel verán (1987), Premio Antón Losada Diéguez; e Deus sentado nun sillón azul (1996), Premio da Crítica Española de 1997 e finalista do Premio Nacional de Narrativa de 1998; ou O sol de verán, publicada postumamente en 2002 e Premio da Crítica dese ano.

Moi salientable foi tamén seu labor como articulista en distintas cabeceiras, que lle levou a contar cun amplísimo e fiel público, e que o fixo merecente dunha morea de distincións, entre elas os premio Julio Camba (1995) e, xa a título póstumo, o Roberto Blanco Torres (2002).