Entrevista: Agustín Fernández Paz

"A paixón por escribir non se me esgota; se esgota o tempo"

Os lectores de Fervenzas Literarias veñen de elixilo como mellor autor do 2014

12.07.2016 | 15:05

Os lectores de Fervenzas Literarias veñen de elixilo como mellor autor do 2014, e á sua novela A viaxe de Gagarin (Edicións Xerais) como a mellor das publicadas o ano pasado en narrativa galega. Dúas distincións máis para Agustín Fernández Paz, Premio Nacional de Narrativa Xuvenil, quen acolle estes agasallos como un novo pulo para seguir escribindo, malia que confesa que o faría igual de non telos recibidos, sempre na procura do "libro soñado".


Agustín Fernández Paz. // Eli Reguera

-Vde. xa ten recibido numerosos premios na súa traxectoria. O feito de que os de Fervenzas Literarias proveñan directamente dos lectores, cáusalle unha satisfacción especial?

-Eu creo que, para os que escribimos, ter lectores é o meirande agasallo. Escribir é unha actividade solitaria, e a compañía invisible das persoas que te len é un estímulo para perseverar. Xa que logo, este dobre recoñecemento da xente das Fervenzas Literarias é un premio que moito agradezo.

-Se lle deran a escoller entre o Premio Nacional, que recibiu hai uns anos, e este de agora, con cal quedaría?

-Felizmente non teño que elixir, pois non son premios incompatibles. O Nacional foi un grande estímulo no seu momento e axudou a difundir O único que queda é o amor, un dos meus libros máis queridos. E os de Fervenzas salientan A viaxe de Gagarin, un libro importante para min, ao que lle dediquei moitas horas de traballo.

-Fáleme de como xurdiu a idea de escribir esta novela. É, en realidade, como Vde. ten dito, a crónica dunha xeración; neste caso, a súa?

-Máis que a da miña xeración, é a do tempo que nos tocou vivir nos anos de adolescencia e mocidade. Os anos sesenta, os primeiros setenta... son tempos que convén lembrar, sobre todo ás xeracións posteriores. Anos difíciles, de ausencia de liberdades, dunha enorme represión social. E tamén anos cruciais no panorama mundial, desde a guerra do Vietnam ata a invasión de Checoslovaquia. E, xaora, os anos da aventura espacial, que me serviu de fío condutor para construír a novela.

-Onde e como naceu a súa vocación de escritor?

-Sei que soa a tópico, mais é unha verdade esencial: se escribo é porque son lector, porque desde neno tiven paixón pola lectura, polos libros e os cómics. E logo polo cine e os seriais radiofónicos que había na infancia. "O home precisa, coma quen bebe auga, beber soños", escribiu Cunqueiro en 1963. Comparto esa afirmación, apaixónanme as historias, calquera que sexa o medio a través do que mas contan. Era lóxico que, nalgún momento, tamén eu sentise a necesidade de escribir as miñas propias historias.

-Lembra o primeiro libro que leu na súa vida?

-Ademais dos tebeos e dos contos de Calleja, o primeiro libro que me revelou a maxia da lectura foi A illa misteriosa, un dos títulos que había na reducida biblioteca do meu pai. Aínda volvo a el de cada pouco, aínda revivo as emocións da primeira lectura.

-Con que autores e con que obras se sentiu animado a facerse escritor?

-O listado sería moi extenso, así que só citarei algúns dos que me meteron no corpo o desexo de contar historias. De xeito deliberado, mesturo autores da literatura culta cos da literatura popular: Jules Verne, Emilio Salgari, Roald Dahl, Franz Kafka, Álvaro Cunqueiro, Edgar Allan Poe, Albert Camus, Raymond Chandler, Gianni Rodari, Méndez Ferrín, Patricia Highsmith, H. P. Lovecraft, Christine Nöstlinger...

-Tamén foi Vde. mestre. Cal é o mellor consello que se lle pode dar a un alumno para que se afeccione a ler?

-Consellos? Eu fuxiría deles, porque sós non serven de nada, e centraríame no esencial: o profesor que serve de canle, de mediador entre o alumnado e os libros. Levar libros á clase, falar deles con entusiasmo... Non hai nada máis poderoso que abrir un libro suxestivo e lerlles en voz alta. A lectura é un pracer que se contaxia. Un libro suxestivo, dixen. Non nos vale calquera, cómpre manexar eses "libros que fan lectores", cos que xa sabes que vas interesar o alumnado. Logo uns levan a outros, o boca a orella segue a funcionar, e máis coas redes sociais.

-Vde. é un escritor entre dous séculos, o XX e o XXI.Que valoración fai da literatura galega escrita no presente século e que cre que están a aportar os autores que comezaron a publicar a partir de 2000?

-Entre dous séculos, é certo, malia non existir ese corte na realidade, pois todo é un continuo. Desde hai ben anos, a literatura galega goza dunha calidade media que non ten nada que envexar á doutros países. Felizmente, deuse unha ampliación de temas, de xéneros, de propostas... a colleita de cada ano é moi estimable. Non é esa a nosa eiva, o problema principal reside nas dificultades para chegar a un sector de lectores que non nos coñecen o suficiente, por prexuízos ou por percibir connotada a literatura de noso. Un problema social e político, que transcende a creación. Do século XXI, destacaría a consolidación dun grupo de novas narradoras moi potente, desde Rosa Aneiros a Berta Dávila, pasando por María Reimóndez, Rexina Vega, Ledicia Costas, Anxos Sumai, María Solar...

-Cál é o segredo para chegar aos lectores máis novos?

-Non creo posuír ningún segredo especial. Trátase de narrar historias atractivas, contadas de tal xeito que inviten a non parar de ler. Que a paixón que puxo o escritor enchoupe as páxinas e se transmita ás persoas que as estan lendo. A conquista da lectura é un proceso longo e cada idade ten as súas especificidades.

-Os escritores cunha traxectoria tan dilatada como súa adoitan animarse a escribir un libro de memorias, ou unha autobiografía. Entra dentro dos seus plans escribir un libro destas caractarísticas?

-Hai dous anos publiquei un libro, O rastro que deixamos, que, dalgún xeito, podería definirse como unhas memorias fragmentadas. Non exclúo facer outro semellante no futuro. Mais un libro coas miñas memorias non entra nos meus plans. En realidade, a vida dun escritor é coma un río subterráneo que corre por baixo de todo o que escribe. Por iso me gusta reiterar que escribimos cos fíos da vida, o único material que temos para tecer as nosas ficcións.

-Conseguidos tantos premios e con tantos libros xa publicados, cal é a súa principal motivación para seguir escribindo?

-É certo que xa van aló ben de libros, e tamén que fun moi afortunado cos premios. Máis a paixón por escribir non se esgota, o que se esgota é o tempo co que a vida nos agasalla. Elena Poniatowska declarou hai pouco "Faime ilusión o meu próximo libro, intentar facer as cousas cada vez mellor." Ten razón, un sempre aspira a que o próximo sexa por fin o libro soñado.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Lotería del Niño 2014

Comprobar Lotería del Niño

Toda la información de la Lotería del Niño. Comprueba los números premiados con nuestro widget de la Lotería del Niño.

 
Enlaces recomendados: Premios Cine