-Neste disco muda case totalmente o concepto estilístico polo que era coñecida. A que é debido?

-Hai moitos anos que tiña isto en mente, pero fixo falta todo este tempo para madurar as cousas e ter claro non o que quería facer, mais si a forma de facelo. Foi importante dar coa xente axeitada para realizar arranxos diferentes e facer as cousas doutro xeito.

-Son nove anos de espera como solista, aínda que polo medio publicou o disco a dúo con Cristina Pato, para facer o segundo disco. Por que pasou tanto tempo?

-Neste tempo fun facendo cousas novas na música e vas madurando, tanto no aspecto profesional coma no persoal. Vas tentando diferentes formas de facer. Cando saín de Luar na Lubre pasaron dous anos ata que publiquei a miña ópera prima, na que había un chisco de avance estilístico, pero non moito, e quería avanzar máis nese camiño. Antes había unha certa escravitude de saber o que funcionou e necesitaba optar por cousas diferentes e continuar avanzando e experimentado por novos vieiros. Foron tempos duros para os músicos, pero na época de grandes crises xurde a valentía e a idea de ir a por todas. Moitas veces pensei que xa debía sacar o disco, pero cando fas probas e ves que non é o que pretendes facer iso é o sinal inequívoco de que non era o momento e así foi pasando axiña o tempo.

-Nada que perder é o título do álbum. Considera que nestes momentos, coa súa nova aposta musical, non ten que perder?

-Despois de vinte anos de carreira chegar á conclusión de que non tes nada que perder se o tentas dá a entender que se viviron etapas duras anteriormente. Teño a convicción de que se fago o que me dá a gana penso que funcionará mellor. Deste traballo estou satisfeita, mentres que con outros que fixen sempre me sucedía que ouvía algunhas pezas e pensaba que cambiaría determinadas cousas.

-Agora o público acepta mellor que as artistas que proveñen do folk fagan proxectos máis persoais e iso pode beneficiala.

-É verdade que houbo unha época na que transgredir era pecado mortal. A música e os artistas somos seres vivos e se nos quedamos ancorados e repetimos o mesmo disco, entón apaga y vámonos. Iso quere dicir que non sabes facer outra cousa, que tes medo a evoluír ou que estas escravizado a un público que demanda un xeito de facer que non che permite anovar. Facer sempre o mesmo é aburrido e creo que chegarías a un punto de tristura e a unha zona gris que acabarías transmitindo ao público.

-Como foi madurando este disco e decidiu, por exemplo, que ía cantar en catro idiomas?

-Colaborei con moita xente e xa fixera algunha cousa en inglés. Estiven un par de anos actuando con Antonio Placer e aí cantaba en francés. Apareceu Miguel Arthus coas súas letras e decides que non estaría mal interpretalas neses idiomas. O que cómpre é traballar para ter unha pronuncia boa e non resultar artificial cantando noutras linguas.

-O cambio musical supuxo que debese cantar dun xeito algo diferente. Como o afrontou?

-Os idiomas levan a formas diferentes de cantar. Ocorre de xeito natural, coa colocación propia do aparato fonador. Cando vas modulando palabras, estas lévante a cantar dun xeito ou outro. Sucede de forma natural e foi divertido poder parecer nalgún momento outra persoa. Encantoume facer diferentes rexistros de voz. Neste traballo a voz ten diferentes cores, rompendo certa monotonía doutros discos que están cantados dunha mesma forma. A túa gorxa non está programado para unha única cousa. Dela sae o que entrou anteriormente polos nosos ouvidos. A gorxa responde ao que ti mandas dende a cabeza.

-Nestes anos xa dera pistas, polos proxectos nos que foi participando, de que lle gustaba facer cousas variadas.

-Sempre tendín á versatilidade. Na época do conservatorio, aínda que te centres moito na música clásica, escoitaba moitas cousas e eu xa tiña claro que o heavy non é ruído.

-Está construíndo outra identidade musical diferente á coñecida...

-Iso é chulísimo, morrer e renacer. A vida é algo cíclico e resultaría duro que despois de vinte anos de carreira seguise a ser coñecida como a exvocalista de Luar na Lubre. O que tentas é labrarte unha identidade propia e ese esforzo vén de lonxe. O que tiven moi claro é que debía estar totalmente cómoda. O que fluía debía levarme a sitios onde estaba convencida do que facía, sen dubidar, e se non era así a canción quedaba fóra. Coa formación do directo soamos como pretendía e estou moi feliz.

-Nun disco seu, o violoncello non podía faltar?

-Digamos que o instrumento e eu fixemos as paces. No álbum hai arranxos de corda un chisco clasicotes e o instrumento e eu temos un pacto de continuar certa liña para investigar novas cousas. Tiven unha relación de amor-odio co violoncello. A música clásica esixe demasiada disciplina e ten moita esixencia. Como eu son bastante perfeccionista, iso é unha faena porque nada do que fas logra convencerte completamente e iso chegou a machacarme. Cando tiven a oportunidade de comezar con Luar na Lubre, etapa na que aprendín moito, non o dubidei.

-É das poucas persoas na música galega que vive da música sen ter que dar clases. Resulta moi complicado subsistir?

-Algunha clase particular de canto si que din, mais foron poucas. Vivo do que saco das actuacións e os discos, unhas veces mellor e outras peor. É algo complicado, pero debes ter claro o que queres e, ás veces, o prezo é pasalo mal, pero aquí estou despois de vinte anos e continúo agarrada a este sono.

-Por que decidiron elixir como single o tema No seré yo? Vou romper unha lanza pola peza Benditas Feridas para poder ocupar ese lugar.

-Para min esa canción do single era un pouco esa declaración de intencións de apertura a nivel emocional, ofrecer esa vulnerabilidade do artista fronte ao público, que é algo que podes ter tamén na túa vida. Era como dicir: veño aberta, botando todo para fóra. Eses dous temas dos que falamos son os máis espidos e os que emocionalmente están máis ligados ás miñas vivencias. Ás veces no escenario estás tan metida no que fas que tocas a túa esencia, a túa emoción pura. É como dicir: isto é o que eu son e transmítoo a través do canto.

-A primeira peza do disco adoita ser como unha presentación do que se vai escoitar. Ese lugar ocupouno Un désert dans tes main.

-Para abrir este disco optamos pola sorpresa, xa se nota o xiro estilístico, e que a xente tivese ganas de seguir escoitando para ver por onde iamos. "Con este disco fixen realmente, por primeira vez, o que quixen" Foron nove anos de espera ata poder escoitar o segundo traballo como solista de Rosa Cedrón Foto promocional ANTONIO CALVO da artista monfortina Rosa Cedrón. Rosa Cedrón / Cantante que edita ´Nada que perder´ "Os idiomas levan a xeitos diferentes de cantar e encatoume facer diversos rexistros de voz cos que podía parecer, nalgún momento, outra persoa"