-Por que foi este o momento elixido para debutar como solista?

-Quixen deixar constancia da música que pretendo facer e abrir unha porta a unha carreira persoal, algo que me apetecía. Despois de estar varios anos colaborando con diversos proxectos apetecíame parar e deixar o meu punto de partida co meu nome para o que poida facer no futuro coa miña música.

-Aínda que estivo en dúos e tríos con presencia destacada a nivel de composición, agora é vostede a referencia e iso fai que o seu nome musical se poida ir asentando con máis forza no panorama musical galego.

-Todo isto derivará en que me sinto con ganas de defender co meu nome nun escenario a miña música, pero iso non quita que siga a colaborar con outros artistas, tal como fixen anteriormente.

-Que aprendeu nestes anos de grupos como Os Cempés, Riobó, aos que pertenceu, ou de solistas como Budiño, Júlio Pereira e Xabier Díaz, cos que tocou en directo?

-Foron uns cinco anos frenéticos para min, non sei ben de onde saquei o tempo. Antes diso tocaba dun xeito máis amateur. Fun medrando axiña, penso que absorbendo o mellor de cada casa. Eu quería aprender un oficio e ensináronme moito sen decatarse. Agora apetéceme pór na miña proposta persoal o que aprendín e gozar da miña música. Como non tiña unha formación musical de base pensaba que as cousas que facía non eran válidas e tiña certo receo de amosar a miña música, pero fun rompendo esa barreira co paso do tempo.

-O disco ten unha chea de colaboracións. Pensou como levalo ao directo?

-Nestes momentos é inviable por unha cuestión loxística, posto que non tiven tempo a preparar un directo para isto. A produción do disco levoume moito tempo. As opcións serían a de facer un par de presentacións grandes, con todos os colaboradores, ou pensar en facer un segundo disco orientado a unha banda de directo e seguramente tirarei por aí no futuro. Quero tocar temas deste disco en directo. Non vou ter présa por saltar aos escenarios, pero irei dando paso nese sentido. Quería contar cunha morea de colaboradores cos que toquei ao longo destes anos, xa que para min tiña moito sentido convidalos. Pretendín meter no álbum outros instrumentos que eu non tocaba.

-Escoitamos pezas de composición cun espírito tradicional, outras que van máis cara á banda sonora e sonoridades que nos remiten a Galicia ou Portugal. Como foi elaborando este álbum?

-Fun absorbendo de moito lados e adquirindo de xeito natural un certo estilo persoal, aínda que non me corresponde dicilo a min. É unha obra ecléctica e non sei ben como definila en termos musicais. Supoño que a palabra folk engloba moita cousa.

-As composicións son recentes ou algunha vén de moi atrás no tempo?

-O 90% son do último ano. En 3-4 meses tiñas as composicións preparadas e logo fixen os arranxos e gravei. Facemos un disco para que a xente poida gozar. Elaboramos música para a nosa propia satisfacción e para facer un pouco mellor a vida das persoas.

-En Galicia non ten case referencias no espazo sonoro no que se move este álbum, pero si existen artistas foráneos como, por exemplo, Júlio Pereira ou Soig Siberil. Que inspiracións musicais manexou para este disco?

-Non poño o ollo directamente nun sitio para facer unha música. Sento a tocar e fago unha liña melódica, unha harmonía ou un patrón rítmico e iso ten que ver con algo que escoitei un día, mais non sei de onde saíu. Para min os referentes non é que estean esquecidos, senón que os filtro dun xeito bastante natural e penso que saen cousas dispares. Evidentemente escoitei moitos discos e resulta inevitable ter certas referencias. Resulta difícil para min etiquetar o que fago.

-Fai mención a algunha das súas pezas como se fose un xeito de banda sonora. Gustaríalle que alguén as collese para algunha película ou traballar directamente nunha BSO?

-Estaría ben porque é musica descritiva e evocadora, pero sería aínda mellor que me ofrecesen a opción de facer música explicitamente para unhas imaxes. Facer música para un filme é un proxecto que me interesaría moito.

-Hai varias referencias a cidades nos títulos...

-O concepto do disco ten que ver co meu pasado e parte dese pasado son viaxes e historias vividas. Ao seren música descritiva íame evocando cousas que me aconteceron e fun facendo, dalgún xeito, unha banda sonora da miña vida.

-Que significou gañar dous PREMIOS OPINIÓN con Trim? Existen opcións de que este trío, cun compoñente vivindo en Lisboa, poida seguir na brecha?

-Cando os traballos son recompensados sentes unha satisfacción. É un agasallo que agradeces e está ben tamén a nivel promocional. Creo que a Trim é tan difícil reactivalo como matalo. É un proxecto que non imos ser quen de dicir que rematou e tamén será complicado xuntarnos a facer unha xira porque andamos ocupados en diversos proxectos. Chamaron algunha vez para tocar, pero as condicións económicas que ofrecían non nos convenceron. Xuntarse nun único proxecto e investir nel e que as cousas non vaian adiante porque o sistema non funciona fai que o panorama non sexa doado. Débense pensar ben os os pasos que damos. Música de raíz "Tiña ganas de debutar como solista e fixen un disco ecléctico" Despois de ser membro de varios grupos, o músico ferrolán realiza o seu debut como solista Fernando Barroso / músico que publica o disco ´Intropía´ "Como non tiven unha formación musical de base tiña certo receo de amosar a miña música, pero fun rompendo esa barreira co paso do tempo"