Acábanlle de conceder o Premio Martín Códax de honra pero xa o 31 de maio de 2014, Dorothé Schubarth recollía o PREMIO OPINIÓN ANDAINA SENLLEIRA, galardón concedido a persoas que realizaron un traballo sobranceiro a prol da música de raíz galega. A laboriosa elaboración do seu Cancioneiro Popular Galego fai que teña méritos dabondo para ser considerada unha figura crucial na música tradicional do país. Malia manifestar que non lle gusta demasiado facer ruído mediático prestouse entonces a realizar unha charla-coloquio nun Garufa ateigado e en todo momento recibiu o agarimo de persoas que lle manifestaron o enorme valor da súa obra. Chamou a atención o seu dominio do idioma galego, tamén por escrito.

Comentou a suíza que non sabía realmente o motivo que a trouxo á nosa terra e que previamente non sabía nada do labor efectuado en Galicia polo mestre dos folcloristas, o norteamericano Alan Lomax. Dorothé comezou o seu traballo no Caurel no ano 1978. Foi a súa primeira viaxe de tantas outras percorrendo a xeografía galaica durante cinco anos de intenso labor, sobre todo os tres primeiros, que lle serviron para recoller cinco mil pezas. Ela non sabe conducir e trasladábase a pé, en coches de liña e facendo autostop e, nalgún momento, tamén contou coa colaboración da xente que a levaba en coche ata onde lles pedía. "Contei con moita colaboración por parte, sobre todo, de mestres e cregos para poder contactar coa xente que, en ocasións, moraban en lugares moi remotos", rememora.

Pensemos na situación e no que podería pensar a xente: que virá facer aquí unha suíza querendo que lle cantemos cantigas?. "A acollida das persoas foi bastante boa, aínda que tamén atopei algunha porta pechada. Era importante lograr a súa confianza. Ás veces algúns convidábanme a xantar. Lembro unha ocasión na que unha señora me estaba dando toda a información que posuía, tanto cantando como bailando, ata que chegou o seu fillo, un esforzado traballador emigrante, a quen non lle gustou nada iso. O fillo non sabía valorar os coñecementos da súa nai e avergoñábase. Eu sei que os emigrantes en Suíza pasárono moi mal e metíannos en barracóns e traballaban horas a esgalla só para chegar á súa terra e poder dicir que tiñan éxito ao poder mercar un coche, como gran símbolo da prosperidade, cos cartos gañados no estranxeiro".

Lembra entre risos a aquel home a quen lle ía realizar unha gravación "e cando fixen o aceno para coller o magnetófono asustouse moito porque debeu pensar que ía coller un arma e matalo". Facendo uso da retranca, a suíza comenta que se meteu arreo no traballo de recolleita "porque en canto souben que se comezaban a facer autoestradas pensei que era necesario darse présa".

Ata o momento da saída deste Cancioneiro, os anteriores traballos existentes nese eido limitábanse a pór en papel as recollidas efectuadas, mais nesta ocasión a obra acompañouse dun casete cos sons recompilados, o que outorgaba un valor inmenso á obra. "Existen matices moi complicados de comprender nun papel e por iso era tan importante podes dispoñer das gravacións. Así comprobamos como a xente ás veces canta con pequenas variacións: poñendo ou quitando unha sílaba ou un verso. É fundamental transcribir tal como se canta. Resulta moi importante ser o máis fiable posible".

Lembra vivamente "as caras engurradas dos paisanos, onde se reflectía toda a súa vida, ao igual que nas súas mans, que falaban dos traballos que sufriran para vivir. O que a letra das cantigas non di vén expresado pola voz, a tristura e a ledicia. Na voz vai a alma dos cantadores". Logo de ter o traballo preparado era necesario contar con alguén que tivese a capacidade económica necesaria para poder editar uns volumes con moitísimas páxinas. "Tivemos a sorte de que a Fundación Barrié se prestase a publicar a obra", indica Dorothé. A Fundación puxo recentemente, a disposición das persoas interesadas, esta obra en internet de xeito gratuíto, ofrecendo unha gran oportunidade de consulta do Cancioneiro Popular Galego.

Estes días nos que estivo en Galicia visitou a moitas amizades e recibiu múltiples parabéns por parte de xente amante do folclore que lle fixo saber que a súa obra foi dunha gran utilidade para abordar os seus traballos, algo moi importante para ela. No discurso que deu cando recolleu o PREMIO ANDAINA SENLLEIRA, o momento entrañable da noite, a suíza non quixo esquecer á xente que a axudou na elaboración do material que deu lugar a unha obra considerada como a biblia do folclore galego. "Lémbrome dos informantes con moita emoción e gratitude Xentes en aldeas arredadas que vivían, malia a dura existencia que pasaban, contentas e con alegría. Manteño na miña memoria esas lareiras, que aínda hoxe en día me fan ter morriña cando me vén ao maxín a imaxe do lume facendo sombras e volutas, que creaban un ambiente de misterio. Penso con gratitude naquelas persoas que, ademais de axudarme, me deron azos para continuar con esta empresa. Varios deles axudáronme a transcribir as primeiras letras, que supuñan dar o primeiro paso para poder elaborar o Cancioneiro Popular Galego".

Esta obra inmensa constitúe un traballo sen fin, xa que Dorothé considera que o labor necesario agora é poder pasar as cintas a un cedé para conservalas ben e seguir transcribindo coa axuda do ordenador, xa que nalgúns momentos poden existir na transcrición o que ela nomea como faltas, por exemplo palabras que non se entenden ben, e compre ir revisalas ao orixinal. "O corpus do Cancioneiro está bastante completo. Eu crin que podería ir facendo este traballo de pasar as cousas ao cedé no meu tempo libre, pero se considero que para unha hora de material recollido daquela preciso de oito ou dez para deixalo ben preparado vexo que para min resulta imposible e así a obra queda sen rematar completamente e non sei como se poderá facer no futuro".

Como coñecedora doutros folclores europeos indica que existen melodías semellantes en países que puidera semellar que non teñen nada que ver. Venlle á cabeza que algunha peza galega podería equipararse e ter certa familiaridade con ritmos de Serbia ou Romanía. "Europa é unha rede que ten cousas en común. A lingua inflúe nos ritmos".

Na gala de entrega dos premios instaurados por este xornal puido escoitar ao grupo PeldeNoz, xente que reelabora pezas da súa obra cunha estética que os achega ao jazz, algo que ela ve ben "porque se os músicos teñen esa visión, facendo algo diferente, deben interpretalo así, como o senten. Non existe un xeito correcto ou incorrecto á hora de afrontar creativamente esas pezas".

Non quere esquecer ás persoas que amosaron interese na súa obra, posto que axudaron "a que as cantigas galegas chegaran a ter un sitio na cultura, aínda que o fío da tradición oral se veña esvaendo". Dorothé indica que para ela todos os anos de traballo supuxeron unha riqueza "non só cultural, senón tamén humana porque do traballo xurdiron moitas amizades duradeiras. O intercambio con toda esa xente enriqueceu a miña vida e non permite que perda o contacto e amor a esta terra, coa que me sinto moi unida". Galicia débelle agradecemento eterno polo seu desempeño e os premios acadados, o ano pasado recibiu o Pedrón de Ouro, reflicten a importancia da obra dunha muller que soñaba con cantigas.