Pasaron cinco anos dende a publicación da súa anterior obra (Simbiose) e agora volveron ao estudo para gravar este Camiño, ao que subtitulan De Bruxelas a Santiago. Ese é o percorrido vital transitado por estas galegas, residentes hai moitos anos na capital belga, dende que comezaron a editar discos hai dezaseis anos. Sempre cun pé na súa Galicia natal e outro nesa Bélxica que as acolleu. Conversamos con Marisol Palomo, unha das fundadoras da formación, quen comenta o que pretende representar o título deste novo álbum. "Ese título lévanos a un camiño no que existen varios vieiros diferentes dentro da diversidade musical. Por outra banda, camiñar é ir cara adiante e iso é o que pretendemos facer".

Cando comezaron a súa andaina, en Bélxica a súa proposta musical era insólita por descoñecida, mais co paso dos anos foron asentándose e xa se gañaron un espazo. "Comprobamos que a xente se identifica en Bruxelas co proxecto musical, aínda sen ser galega. Cando comezamos só se emitían na programación radiofónica as nosas cancións nos espazos de música tradicional e agora xa soan noutros lugares. Ese é un paso moi grande. Somos presentadas como as galegas de Bruxelas e estivemos en París nun concerto no que nos elixiron como banda representativa da capital belga. Iso é moi forte para nós, como pensar que unhas galegas poden ser escollidas para iso. Se non fósemos fillas da emigración non sería nada igual. Penso que soamos diferentes aos grupos galegos, no xeito de cantar e en que contamos co acompañamento de músicos belgas. Non quixemos copiar nin coller o sitio de grupos galegos, dos que agradecemos que nos apoiaran. É importante para nós que o Agadic nos considere como un grupo do país. Ás veces na emigración existe unha galeguidade máis forte que na propia terra", indica Palomo.

Entre as catro compoñentes do grupo salienta o labor de Verónica Codesal, asumindo a voz solista e participando en arranxos e composicións. "Ela é o motor principal das Ialma. Está a loitar para poder gañarse a vida como artista e participa en diversos proxectos". Unha parte fundamental no armazón sonoro deste álbum é Quentin Dujardin, que exerce de produtor e director artístico. "É un home que vén dun universo diferente, da música clásica e do barroco, ao dos músicos cos que traballaramos anteriormente. A colaboración deuse porque el escolleu un tema noso para unha banda sonora e cando nos coñecemos houbo unha excelente conexión, tamén persoal, e queriamos facer algo diferente musicalmente". Palomo indica que esas diferenzas con anteriores discos da formación veñen "do xeito de realizar os arranxos e quizais en unir letra e música no senso de valorar o contar unha historia". Por exemplo, nos concertos realizan uns monólogos que unen a raíz da terra e a emigración por medio dunha conversa de neta e avoa e no disco achegan unha mensaxe clara co tema Cantar do refuxiado.

Subliña Palomo que o canto tradicional "non ten por que ser perfecto. O que ten moito valor é pór todo o sentimento e sentido no que cantas".

Ialma estiveron presentes no Womex celebrado en outubro en Compostela realizando un concerto no que lograron unha boa acollida por parte dos programadores musicais europeos e, por exemplo, serán o único grupo belga presente no prestixioso festival Babel Med de Marsella.

No mes de febreiro estarán presentando o seu traballo en diferentes localidades galegas.