O conxunto polaco vén de editar o seu sétimo traballo discográfico co título Sun celebration. É o primeiro álbum dobre na súa carreira. É unha obra na que cada disco ofrece unha visión musical diferente, non en van a un danlle o nome de The sun (O sol) e outro aparece como The Moon (A lúa). "É unha historia sobre as dúas naturezas do mundo, Ying e Yang, elementos de home e muller, o día e a noite, o sol e a lúa. Os dous cedés son diferentes, a banda experimenta sonoridades e emprega novos instrumentos e contamos co talento dos artistas convidados, que participaron no álbum traendo a súa heteroxeneidade, talento e corazón, aportando esplendor ao noso traballo", sinalan os Warsaw en nota de prensa.

Entre eses músicos convidados achega a súa creatividade a coruñesa Mercedes Peón, a quen fan participar en oito temas. Comentan os polacos que a primeira vez que viron actuar á cantante foi no festival Cross-Culture Warsaw. Nas notas que aparecen na nova obra loan á galega e manifestan que quedaron engaiolados coa súa figura "porque semellaba ter absolutamente todo o poder, como se fose quen de pór todo baixo o seu feitizo coa súa voz, carisma, compromiso, versatilidade, e tamén a súa ledicia e serenidade. Naquel momento nin sequera soñabamos con coñecela e moito menos que poderiamos facer música xuntos".

Os outros convidados son o iraniano Kayhan Kalhor que achega o son do kemanche, un instrumento de corda, o indio Ustad Liaquat Ali Khan, un virtuoso tanxendo o sarangi, outro instrumento de corda moi popular no oeste de Nepal que o conxunto polaco decidiu incorporar ao novo traballo; o Dj Feel- X e Michael Zaborski, compoñente de Atom String Quartet, que engade a súa viola ao caudal instrumental do disco.

Comentan os polacos que este traballo foi o máis grande dos que fixeron na súa traxectoria de dezaoito anos de vida polos escenarios, xa que lles levou tres anos completar o que pretendían

O grupo gañou en 2004 o premio da BBC para bandas de Worldmusic e o anterior álbum, Nord, venceu nos premios da crítica alemá.