Prezado/-a compañeiro/a:

Diríxome a ti en nome dun grupo de académicos para che transmitir a nosa visión da situación ante o plenario do vindeiro martes:

1. A Academia está a vivir un momento crucial, no que existen dúas vías: a de afondar nas divisións ou a de propiciar a reconciliación para un traballo no que todos somos necesarios.

2. Sempre tivemos claro que este era o momento do diálogo e de iniciar o camiño da integración, e neste sentido telefonei a mediados de febreiro ao Presidente D. Xesús Alonso Montero para que, ante a inminencia das eleccións, tratase de propiciar un diálogo franco entre todos os membros do Plenario para analizar a situación da RAG e tratar entre todos de atopar a mellor solución. Nesa conversa Alonso Montero xa me comunicou que o candidato da executiva era Víctor Freixanes, e que na RAG xa houbera suficiente diálogo.

3. Nós propuxemos unha candidatura única, na que o sector que representamos tivese dous postos na executiva, un dos cales debería ser a secretaría para que se visibilice a existencia dunha integración efectiva. Ofrecemos nas conversas mesmo a posibilidade de que propuxesen as persoas que lles resultasen máis aceptables para iniciar este novo camiño. Esta proposta foi, primeiro, retardada e, despois, rexeitada, a pesar dos puntos de coincidencia na análise da situación nas conversas iniciais entre Víctor Freixanes e eu mesmo.

4. Vendo a deriva da situación ofreceuse no Plenario unha nova posibilidade, a de tratar de buscar un goberno de persoas non significadas nos acontecementos que desembocaron na actual situación de tensión. Non se propiciou ningunha vía de diálogo.

5. Ante a necesidade de abrir camiños de entendemento resulta difícil de comprender a convocatoria precipitada do Plenario para o día 28, cando a opinión claramente maioritaria expresada no Plenario do pasado 17 ía precisamente no sentido oposto. Fronte aos tres meses que permiten os Estatutos para a convocatoria do Plenario, fíxase unha data que deixa exactamente 5 días laborables para falar, negociar, acordar e presentar candidaturas, desde o Plenario en que se anunciou o cesamento do Presidente. Realmente parece pouco serio e moi pouco responsable.

6. Resulta ben estraño nos tempos actuais que os membros do Plenario sexan convocados para elixir presidente sen que coñezan ningún programa nin cales van ser as liñas de actuación propostas polo candidato. Tampouco se coñece que académicos van conformar a comisión executiva, fóra do que anuncia a prensa, na que figura unha persoa que aínda non asistiu a ningún plenario.

7. Despois de facer unha valoración serena da situación, non queremos ser corresponsables dunha vía que afonda na división da Academia, e anunciamos con dor que algúns membros deste grupo non asistiremos ao Plenario de elección de novo presidente.

8. Isto non significa ningún cuestionamento da "legalidade" do proceso, e ratificamos a nosa intención de seguir traballando lealmente e coa mesma responsabilidade con que sempre o fixemos ao servizo da Institución e á causa da lingua galega á que nos debemos. Pero para nós é un día triste e unha oportunidade perdida.

Un cordial saúdo,

Manuel González González