O salón de plenos da Casa do Concello de Xinzo de Limia acolleu esta mañá a sesión extraordinaria e pública da Real Academia Galega con motivo do Día das Letras Galegas dedicado este ano a Carlos Casares. Académicos, intelectuais, familiares do escritor ourensán e veciños da vila asistiron ao acto, no que tamén estiveron presentes o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, entre otras autoridades políticas.

Unha carpa no exterior do consistorio retransmite en directo a conmemoración para que todos os interesados poidesen seguila.

A sesión arrancou ás 11.30 horas coa presentación a cargo do presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, e as intervencións dos académicos Fina Casalderrey, Henrique Monteagudo e Xesús Alonso Montero. Pechou o acto Freixanes e, a continuación, celebraose unha homenaxe institucional na Praza Carlos Casares da vila na que o escritor pasou a súa infancia.

Casares foi, da man de Piñeiro, deputado nas eleccións autonómicas de 1981 e tan só catro anos despois foi nomeado o membro máis novo da Real Academia Galega.

"Carlos Casares foi un home comprometido co seu tempo e que defendeu o país como proxecto de futuro e un país que necesita dunhas institucións sólidas", sinalou Freixanes, en Xinzo, localidade que acolleu a sesión extraordinaria da RAG e que deu paso ao descubrimento da placa na praza anexa, que recibe o nome do escritor de "Vento Ferido".

Na súa alocución, Freixanes, quen se centrou na "dimensión" de Casares como xestor cultural e editor, defendeu o compromiso do autor "por Galicia e a cultura e lingua galegas", non desde unha etiqueta política senón ideolóxica e que, segundo comentou, pódese ver reflectido en "a súa dedicación" á editorial Galaxia, dixo.

Tal e como lembrou, ademáis de escritor, Casares foi membro da Real Academia Galega en 1977 e presidente do Consello da Cultura Galega en 1996, e dirixiu durante moitos anos a Editorial Galaxia, circunstancia que, segundo o presidente da RAG, se reflectiu na súa defensa para construír unhas "institucións sólidas". Tamén foi deputado autonómico polo PSdeG nas eleccións de 1981.

Previamente, Fina Casalderrey fixo un repaso pola traxectoria do escritor como "construtor" e a súa vinculación coa terra limiana, que lle deu "unha fonda pegada" na súa obra literaria ademáis de destacar a súa "sabedoría" e como comunicador universal.

A Académica, que considerou "de xustiza" esta homenaxe na localidade que viu dar os seus primeiros pasos ao escritor, destacou "a súa contribución" ao mundo intelectual e literario e tamén na "universalización da cultura".

Para referendar esta afirmación, resaltou o feito de que varios centros de ensino levan o nome do autor galego. Pola súa banda, Alonso Montero centrouse na "cara" de Casares máis "nova" e que virou "ao redor da figura do Ché e o marxismo", todos eles, "aspectos complementarios dun personaxe que aínda dá máis de sí", dixo.

Este acto precedeu ao acto de homenaxe que rendeu a localidade de Xinzo a Carlos Casares, despois de case dez días de actos festivos. Alí, as autoridades políticas e culturais descubriron unha placa en homenaxe ao escritor. Este acto foi inaugurado polo titular do Goberno Alberto Núñez Feijóo e contou coa interpretación do himno galego.