Música de raíz

Un segredo a voces

Tuuletar é un conxunto finés formado por catro cantantes que só empregan as súas gorxas para realizar un traballo que elas cualifican como ´vocal folk hop´

21.06.2017 | 18:55
As compoñentes de MARIA BARANOVA Tuuletar nunha foto promocional.

O cuarteto finés Tuuletar foi unha das grandes sensacións do ano pasado, no que debutaron discograficamente co álbum Tules Maas Vedes Taivaal (No fogo e na terra, na auga e o ceo), unha obra gravada en Estados Unidos e editada en Finlandia polo selo Bafe´s Factory.

Son un grupo completamente vocal e todos os sons que se escoitan no disco, por raros que sexan algúns, saen das súas gorxas. A especialista da banda en beatboxing, esa habelencia para producir diferentes sons de percusión empregando a boca, é Venla Ilona Blom, quen está acompañada nas voces por Johanna Kyykoski, Piia Säilynoja e Sini Koskelainen. Esta última contestou ás nosas preguntas vía mail e así nos decatamos que, malia ser catro artistas finesas, realmente o nacemento da banda comezou en terras dinamarquesas. "O grupo naceu en Aarhus en 2012, onde nos coñecemos por primeira vez. A partir dese momento comezamos unha relación de amizade e foi algo natural que puxeramos sobre a mesa a posibilidade de ver como funcionaría algo unindo as nosas voces. Tivemos a oportunidade de cantar xuntas no Salón da Cámara na Real Academia de Música e cantamos unha melodía folclórica finesa chamada Kaipaava (Desexos) e penso que algo máxico sucedeu naquel momento. Todas sentimos que aí había algo que pagaba a pena explorar, así que decidimos facer unha banda. Xa no noso primeiro ensaio comezamos a traballar coas nosas propias cancións, pero as letras eran na súa meirande parte da colección de poemas fineses Kanteletar". Todas as cancións do seu debut están compostas por algunha das compoñentes da formación e agora ese aspecto das letras mudou totalmente, xa que tamén o grupo as asina todas.

Elas decidiron chamar ao seu estilo interpretativo como vocal folk hop e tiran de diversas influencias, mais sempre está moi clara e presente a súa raíz musical finesa. "Ao comezo creo que a música se inspirou no patrimonio cultural finés. Despois, cando un marcha do seu país de orixe a miúdo comeza a aprecialo máis e pode ser visto dende unha nova perspectiva". A cantante comenta que non se perden en moitas consideracións teóricas á hora de abordar o repertorio. "Non falamos tanto da música, simplemente facémola. Intentamos cousas diferentes e despois eliximos as ideas que máis nos gustan. A maioría das veces falamos co noso enxeñeiro de son, cando necesitamos axuda para crear, por exemplo, un son máis grande e completo para algunhas pezas. As cancións nacen cando nos chega o impulso da inspiración. O noso estilo de música folk hop vocal evolucionou naturalmente por si mesmo. De primeiras non nos decidimos por facer iso, senón que nos puxemos a traballar e ese semellaba un bo termo para describir a música que realizáramos e axudaba a crear unha marca para definir a nosa proposta. Nestes momentos estamos a falar para facer o noso show dun xeito pensado claramente para festivais, cismando en pór en escena un tipo de aposta enérxica, así que imos ver como vai evoluíndo a nosa música para o vindeiro ano".

Ser un grupo só de voces fai que a proposta musical sexa singular, posto que non existen demasiadas formacións deste tipo. Preguntámoslle á compoñente da banda se podía ser algo arriscado realizar algo así. "Facemos música que nos fala e inspira. Queremos amosar que podemos ser unha banda só con voces e actuar nos mesmos lugares que conxuntos instrumentais. Pretendemos crear grandes paisaxes sonoras con capas multicores e chegar a moitos oíntes de todo o mundo. Non existen tantos grupos a cappella no mundo, polo que é verdade que podemos ser algo especiais. Non estamos tratando de encaixar no alto da onda da tendencia comercial na música. Queremos atopar o noso espazo a gusto con nós mesmas para crecer e expandirse".

Por certo, houbo algo que tamén variou dende o comezo da súa andaina, xa que Sini Koskelainen nos dixo por escrito que antes de se converter nunha banda vocal chegaron a tocar tambores para acompañar a súa música.

A recepción da ópera prima foi moi boa no panorama internacional das músicas de raíz e iso levounas a realizar actuacións por Alemaña, Rusia, Taiwan, India, Estados Unidos e Xapón, onde vén de saír ao mercado o seu álbum. No pasado outubro tivemos ocasión de escoitalas no WOMEX 2016 celebrado en Santiago de Compostela, aínda que foi unha actuación breve porque non estaban exactamente no programa oficial de showcases, senón que foron convidadas a participar en directo no programa de radio elaborado conxuntamente por NRK, BBC e KEXP Radio que se realizaba nas datas da feira internacional de músicas do mundo. Foi unha mágoa non poder velas máis tempo, xa que amosaron o fermoso da súa proposta e como saben empregar de marabilla as voces no seu canto.As Tuuletar, palabra que significa deusa do vento na mitoloxía finesa, están moi ledas co recibimento tido polo disco e gañaron o premio en Finlandia ao mellor álbum ethno 2016. "Temos unha manchea de comentarios positivos e alentadores do noso público. A nosa proposta semella tocar á xente e vemos como gozan nos concertos, así que iso é algo que nos fai estar moi agradecidas e somos felices por poder vivilo".

A creatividade non pode parar e xa pasou tempo dende a publicación do álbum, así que queriamos saber se xa estaban preparados novos temas para incorporar ao repertorio. "Vimos de lanzar un novo single titulado Uho (Loita) que xa incorporaremos nos concertos que faremos este mes. Esa canción é a nosa declaración sobre o que sucede hoxe no mundo, no que vemos unha atmosfera de odio. A peza fala a través dos textos extraídos do Kalevala (poema considerado como a epopea nacional de Finlandia). Cremos que as batallas verbais e as intencións de vinganza alimentan o odio entre a xente. En medio de todos os combates existe un fondo devezo de paz".

Xa que a cantante fala de singles, o escollido para dar a coñecer o seu debut discográfico, Ei Leijuta, non é do mellor da obra, na que aparecen temas excelentes como Kohma, Odotam, Tuu Keraa e Loimu, o 50% dun traballo que pon no panorama internacional ás nórdicas.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Lotería del Niño 2014

Comprobar Lotería del Niño

Toda la información de la Lotería del Niño. Comprueba los números premiados con nuestro widget de la Lotería del Niño.

 
Enlaces recomendados: Premios Cine