Elemotho, estrela da escena musical namibia

O cantautor publicou un novo traballo, no que desexa ver reflectido o seu amor pola narración de historias

11.11.2017 | 18:40
O músico namibio Elemotho vén de editar un novo álbum.

Elemotho é un artista que non só gañou un espazo musical de relevancia no seu país de orixe, senón que está a construír unha carreira musical sólida con vocación internacional e no último traballo que vén de publicar, titulado Beautiful world (mundo fermoso), aparece cantando algunhas composicións en idioma inglés.

Esta obra non dá as costas na súa inspiración aos sons tradicionais de Namibia, mais está marcada por un concepto musical que leva, por momentos, a Elemotoho, autor de todas as cancións que non son tradicionais incluídas no álbum, a territorios que poderiamos catalogar como de música pop.

O namibio exerce como un cantautor que non perde as raíces musicais e que se desenvolve con soltura en diferentes eidos para ofrecer unha obra que bebe do eclecticismo mais que, novamente, permite atoparse cun músico creativo ao que lle prace moverse entre liñas e non desbota optar máis polo folk ou polo pop na medida en que considere oportuno que unha canción deba ir por un ou outro vieiro para lle tirar o mellor partido.

Di o músico que decidiu pór o nome de mundo fermoso ao seu álbum porque "quería ofrecer unha banda sonora de esperanza, optimismo, liberdade e positivismo nun mundo que está inclinándose lentamente cara ao cinismo e a negatividade. Esta é unha obra moi conceptual e, por primeira vez, falo moito en primeira persoa".


Activismo social


Nas letras das pezas compostas por Elemotho as cuestións sociais e políticas non lle resultan nada alleas. En Black man (home negro) amosa a gran dor que lle provocou a morte de Eric Garner, quen finou despois de que un oficial do departamento de policía de Nova York o estrangulara mentres estaban arrestándoo. "Véxome a min mesmo como un activista musical. Gustaríame extraer a realidade que teño arredor para poder explorar a profundidade do espírito humano", comenta o músico.

Beautiful World é o cuarto traballo discográfico de Elemotho, quen indica que medrou "escoitando historias arredor do lume e iso foi o que me inspirou a crear algo musical que tanto te puidera facer bailar como escoitar con atención, algo que servise para rir ou para chorar; para achar a paz, así como tamén a sabedoría. Espero que o disco reflicta o meu amor pola narración de historias".

Como curiosidade, un dos temas que aparece no disco leva por título Pau. Ese nome catalán é o que deu o namibio a un dos seus fillos, a quen dedica a peza. Entre os músicos que colaboran no traballo achamos ao violinista Diego Galaz e o acordeonista Jorge Arribas, nomes coñecidos no circuíto do folk español por formar o dúo Fetén Fetén.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Lotería del Niño 2014

Comprobar Lotería del Niño

Toda la información de la Lotería del Niño. Comprueba los números premiados con nuestro widget de la Lotería del Niño.

 
Enlaces recomendados: Premios Cine