Debutaron discograficamente no ano 2010 cun traballo que recollía actuacións realizadas en directo no Festival Intercéltico de Lorient. Agora gravaron en estudo o seu segundo álbum, ao que lle puxeron como título Quixera ser dos paxaros.

O sexteto conta na súa formación con varios músicos que teñen unha longa andaina no folk galego. Conversamos cun deles, o teclista e acordeonista Xosé Ramón Vázquez, autor da meirande parte dos arranxos das pezas tradicionais que forman parte do repertorio desta obra.

"O primeiro disco non deixaba de ser pouco máis que unha foliada gravada en directo en Lorient. Daquela amenizabamos foliadas e non tiñamos máis pretensións, non pensabamos en dar concertos. Despois as cousas foron cambiando e decidimos subir aos escenarios.

Neste segundo álbum fixemos algo máis persoal, coidando moito o traballo. Se no primeiro disco optamos por tocar pezas moi coñecidas da tradición galega, nesta ocasión o noso camiño levounos a sacar material inédito e para logralo estivemos traballando bastante en arquivos. É unha sorte que, hoxe en día, exista a posibilidade de realizar consultas por internet ao se dixitalizar varios arquivos. Creo que atopamos cousas bonitas que estaban por aí perdidas".

Para Vázquez é unha satisfacción poder facer pescudas coas que obter novo material e darllo a coñecer ao público por medio do grupo.

"Para un músico de folk esa é unha das cousas máis bonitas que lle pode acontecer. Desta volta, aínda que levo moitos anos no mundo da música procurando material deste tipo, fiquei abraiado porque aínda quedan moitas cousas por descubrir. Tiñamos a sensación de que a tradición de Galicia xa estaba mallada e trillada, mais aínda existen bastantes arquivos e gravacións, moito caudal de tradición que aínda non é totalmente coñecido e iso produce unha grande alegría e creo que supón un estímulo moi potente para os que traballamos nisto".

A peza do traballo que deu máis problema para atopar foi As muiñeiras do XIX, "posto que debemos peneirar moito material e foi a única que metemos da indagación realizada na Biblioteca Nacional, onde hai cousas moi variadas, pezas para ópera, zarzuela, para piano, etc...Pareceunos que este tema era o máis axeitado para nós. Creo que son unhas muiñeiras moi orixinais".

A nova obra dos d`Abaixo mestura pezas cantadas e instrumentais e Vázquez comenta que esa foi unha decisión previa antes de comezar a gravación. "Queriamos que as cantadas fosen sobre o 50% do disco. Aínda que a tradición do folk galego parte de formacións instrumentais, a realidade da nosa tradición é que abondan máis as pezas cantadas. Para as letras tiramos moito do cancioneiro de Pérez Ballesteros, de finais do século XIX".

Dentro da investigación realizada, algunhas pezas foron quedando fóra porque non convencían e, finalmente, traballaron cunhas quince ata se decidir polas once que inclúen no disco. Aínda que existen músicos no grupo con coñecida capacidade para compoñer, a liña musical da banda vai centrada nas pezas tradicionais. "Queremos pór en valor as pezas tradicionais. É algo que nos interesa moito. Algúns de nós xa fixemos experimentos no folk con varias bandas e agora interésanos que este proxecto musical teña unha base potente no tradicional", comenta como remate Xosé Ramón Vázquez.