O conxunto coruñés Samarúas naceu no ano 2012 e veñen de editar o seu primeiro traballo discográfico co título de Prólogo. Conversamos co percusionista Antonio Prado, quen nos comenta que en 2016 tiveron un parón "para nos reformular cuestións sobre a sonoridade que pretendiamos para a banda e decidimos incorporar a batería". Os primeiros contactos entre os compoñentes viñeron por estar integrados en asociacións do eido da música tradicional, como Xacarandaina e Donaire "e coincidiamos nas foliadas e de aí foi xurdindo a nosa idea de montar a banda". O nome da formación provén da linguaxe empregada polos canteiros, onde Samarúas significa compañeiros.

O grupo mestura pezas instrumentais e cantadas na súa ópera prima. Nas cancións é importante contar cunha boa voz, como a de Tania Caamaño, "unha artista que continúa a traballar para formarse o mellor posible con profesoras como Carmen Rey e Nastasia Zürcher. Para nós é unha sorte poder contar con ela". Entre as cancións salienta Non, da que fixeron un videoclip e vén de ser recoñecida como finalista nos XVII Premios Opinión da Música de Raíz. Na letra empregan versos de Celso Emilio Ferreiro. "Queriamos que a peza tivese un pouco de discurso e achegar algo co texto do escritor. Nese apartado pretendiamos ir alén do que se escoita na música tradicional e penso que no folk galego carecemos bastante de dicir certo tipo de cousas nas letras das cancións". No que atinxe aos temas instrumentais, Prado considera que o perfecto "sería crear unha sonoridade propia, mais é algo complexo que seguramente necesite máis anos de traballo. Temos moitos referentes, pero o que nos gustaría é ter un son que a xente asociase a Samarúas".

Nestes tempos complexos para que un grupo novo saia adiante e ocupe o seu lugar nun panorama musical no que escasean os concertos, Samarúas decidiu facer un conxunto con sete compoñentes, "o que dificulta moverse, xa o sabemos, pero apostamos por un produto que nos gusta e debe ter ese número de persoas, ademais dun técnico de son. Un grupo que leva pouco nisto tempo resulta descoñecido, non ten un nome e iso dificulta entrar nas programacións. Desexamos ter cabida neses circuítos musicais a curto-medio prazo". Para iso pode ser moi importante as dúas candidaturas de finalistas logradas nos premios musicais creados por LA OPINIÓN. Ademais de lograr aparecer no apartado de mellor canción, tamén o conseguiron no de mellor disco. "Iso pode axudarnos a ser máis coñecidos. Foi unha enorme sorpresa e un orgullo aparecer na lista e que un xurado especializado decidise votar polo noso traballo, que foi feito de xeito modesto, como unha carta de presentación da banda. Para nós tamén é unha responsabilidade aparecer canda eses nomes que comparten as candidaturas con nós", remata Prado.