O músico portugués é coñecido na nosa terra por formar parte dos tríos Assembly Point e TRIM, gañadores de dous PREMIOS OPINIÓN, ademais de ter gravado un álbum a dúo con Fernando Barroso, o seu cómplice musical. Luís Peixoto decidiu que era o momento idóneo para elaborar o seu primeiro álbum como solista, onde todas as composicións nacen do seu maxín. "A verdade é que este era un traballo que xa tiña na cabeza dende varios anos atrás, mais como foron xurdindo colaboracións con músicos variados fun adiando o meu proxecto persoal", comenta o artista luso.

Nesta obra soan unha boa variedade de instrumentos de corda portugueses. O músico escolleu as sonoridades que máis lle gustaban dependendo do estilo que quería empregar na peza. "Foi difícil elixir o instrumento acaído para cada tema. Fixen un pouco un traballo sen regras, indo sempre na procura da creatividade e aproveitando os elementos que tiña ao meu dispor".

Outra das características do traballo é o emprego de elementos electrónicos, aínda que estes sexan máis un reforzo para un concepto no que prima o folk e a música de raíz que gustan tanto a Peixoto. "Para min é un reto fundir eses conceptos musicais nunha obra e procurar un equilibrio, posto que non quería perder as referencias da música portuguesa. Gústame a música electrónica e as novas xeracións lusas escóitana con naturalidade. Antes era raro que se estabas especializado no eido do folk derivases cara á electrónica, mais penso que cada vez existen máis mesturas no mundo da música feitas con bastante naturalidade". Como indica Peixoto, este tipo de traballos vense agora con naturalidade e existen artistas que se moven con frescura nese eido, mais antes non sucedía así, aínda que si había unha persoa, precisamente portuguesa, que abriu camiños, o senlleiro e pioneiro Júlio Pereira, ao que Peixoto acompañou durante un tempo en directo. "Para min é todo un exemplo e un músico excepcional. Explorou o que daban de si algúns instrumentos populares de corda portugueses e fíxoo de marabilla. Pereira é unha completa referencia".

Entre as pezas instrumentais gardou un oco para unha canción, con letra de Sebastião Antunes, o líder do grupo A Quadrilha, con quen compartiu escenario. "Sempre me gustou moito como facía as letras e convideino para que me fixese unha e así xurdiu a canción. Gustoume o resultado final e apetecíame ter esa peza cantada".

En canto á posibilidade de realizar concertos, indica que ten na cabeza ensaiar cuns músicos para poder ter aberta esa posibilidade de contratación. Traballo non lle falta porque é un dos compoñentes da banda que acompaña a Ana Bacalhau, a cantante do grupo Deolinda que vén de publicar o seu primeiro disco en solitario, e tamén participa no novo proxecto do seu curmán José Peixoto, que conta coa voz de Sofia Vitória.

A ópera prima do portugués, titulada Assimetrico, conseguiu situarse no oitavo lugar na lista elaborada polos xornalistas radiofónicos europeos que pertencen a World Music Charts Europe. "Entrar supuxo unha gran ledicia. Hai moita xente que segue esa lista e para min é unha nova moi boa poder formar parte dos escollidos e ter repercusión internacional. De feito xa houbo xente que se puxo en contacto comigo", remata Peixoto.