O clarinetista Fernando Abreu e o guitarrista Pablo Carrera decidiron comezar a súa carreira musical como DOUS grazas a Mercedes Peón "sen que ela o soubese", sinala Abreu. "Pablo estaba a traballar no primeiro disco dela e chamáronme para gravar uns clarinetes nun dos temas. Tamén estaba Nacho Muñoz traballando nese álbum e os tres comezamos a improvisar, simplemente coma un divertimento. Despois quedamos Pablo e máis eu e fomos atopándonos cada vez máis cómodos. Había unha química moi chula no que faciamos e moita complicidade. Por iso decidimos dar o paso e montar o dúo".

Ao escoitarmos as pezas que elaboran este par de músicos resulta evidente que se moven en territorios moi diversos nos que canalizan a súa creatividade sen aterse a un estilo musical moi estrito. "Como músicos, ter unha liberdade total é o mellor que pode acontecer. Vimos de mundos musicais distintos e interésannos cousas diferentes, mais somos quen de adaptarnos aos gustos do compañeiro e elaborar algo que nos satisfaga aos dous e que ten unha certa referencia nas chamadas músicas do mundo", comenta Abreu. No disco as pezas veñen asinadas de xeito conxunto, "xa que aínda que un de nós traia unha melodía ou unha harmonía, o outro vai achegar algo que fai que ese tema vaia por un camiño diferente. Traballamos ao 50% e as decisións son tomadas a medias. É moi gratificante escoitar como o teu compañeiro complementa a idea inicial que tes. O noso leva un proceso lento para que maduren as cousas, mais que resulta moi agradable".

O clarinetista comenta que "fliparon moito"cando souberon das tres candidaturas como finalistas nos PREMIOS OPINIÓN. "Ser xa finalista nunha delas sería unha ledicia, así que estar en todas...". Que fose Manani, co seu sabor africano, o tema elixido polo xurado para optar ao galardón á mellor canción orixinal non lle resultou de todo estraño, "posto que posiblemente sexa a peza máis traballada no estudo, a que ten máis produción. Hai varios clarinetes, varias guitarras e tamén cantamos algo. Como dato curioso esa foi a derradeira peza que metemos no álbum. Cando nos puxemos con ela funcionou axiña. Con outras tardas máis tempo en chegar ao que queres. A Pablo gústanlle moito os guitarristas africanos e nótaselle. O noso reto é poder tocala agora nos directos, a ver como facemos".

Abreu di que Dous ten unha boa resposta do público "e tamén dos compañeiros, xa que fomos finalistas nos Premios Martín Códax. Agora temos tamén a aprobación da crítica cos PREMIOS OPINIÓN. Fáltanos que os programadores crean máis en nós e non teñan reticencias coa nosa proposta musical, que non é jazz nin folk. É un traballo duro abrirse camiño para obter concertos. Esperemos que estas tres candidaturas axuden para que teñamos máis atención e un pulo na nosa carreira", sinala o músico.