A décimo sétima gala da entrega de galardóns para os músicos galegos máis destacados do ano, dentro da música de raíz, volve visitar o escenario do teatro coruñés Rosalía de Castro. A cita será o vindeiro 11 de maio ás 20.30 do serán.

No decurso da cerimonia coñeceranse quen son os artistas que se levan a casa a estatuíña, elaborada polo artesán Javier Gaztañaduy, como vencedores nas tres categorías en liza (mellor disco, canción orixinal e artista), que conta cada unha delas con catro finalistas. Os galardóns contan co apoio de dous patrocinadores, que son a Xunta de Galicia, por medio de Agadic, e o concello da Coruña, imprescindibles para poder manter esta cita anual musical.

Dende hai uns anos na gala de entrega existe unha vocación de achegar propostas novidosas aos espectadores que asisten a esa noite festiva para a música do país e nesta décimo sétima edición volve contarse con actuacións especiais para ofrecer aos asistentes.

Pecharase a festa cun espectáculo feito en exclusiva. Co título Unha volta darredor, Pedro Lamas exerce como director musical nun concerto, duns trinta e cinco minutos de duración, que reúne a músicos tradicionais dos concellos de Miño, Bergondo, Oleiros e Sada, que interpretarán pezas que proveñen das súas vilas de orixe. Estes músicos acompañarán no escenario á banda de música da escola Sementeira, con moitas ligazóns co concello de Cambre, que este ano colabora na organización dos premios. A banda cambresa presentouse oficialmente no ano1986 e acadou varios galardóns ao longo da súa traxectoria. O seu director é Francisco Javier Vidal Suárez. Lamas está a preparar os arranxos dos temas e comenta que pretende "recuperar músicas que están no esquecemento cun repertorio que se atopou en recollidas. Entre as interpretadas haberá algunha peza inédita. Con este gran formato e a roupaxe da banda Sementeira penso que vestiremos os temas coas mellores galas. Os arranxos pretenden ofrecer unha versión extrovertida da música tradicional e nacen coa idea de obter unha pegada inmediata. Teño a ambición de lles dar unha vistosidade potente, que soen modernos e que teñan unha gran densidade".

No repertorio preparado para ese concerto especial creado para os premios incluiranse pezas cantadas e instrumentais.

Najla Shami é unha artista galega con orixes palestinas. Durante un tempo foi cantante no desaparecido grupo folk Fía na Roca, aínda que nunca chegou a gravar un disco con eles. Continuou formándose como cantante e montou o dúo Lobalú canda o guitarrista Héctor Lorenzo. En 2011 editaron o álbum Haikus.

Dous anos máis tarde decidiu dar o paso de se converter en solista e realizou un libro-disco para a editorial Galaxia titulado Na lingua que eu falo, no que afonda na obra da escritora Rosalía de Castro. Sete das dez cancións interpretadas tiñan letra da escritora galega e música orixinal. Ela comentou que esa obra foi un punto de inflexión moi importante e que supuxo un xiro na súa carreira. O seu traballo chamou a atención do xurado dos PREMIOS OPINIÓN e na décimo terceira edición do galardón acadou dúas candidaturas como finalista. Unha delas foi como mellor artista e outra na categoría de tema orixinal por Na lingua que eu falo, que non vai faltar no repertorio escollido para interpretar no palco do Rosalía, onde se vai presentar en formato de dúo. Tampouco vai esquecer a cantante as súas orixes árabes e, cando menos, unha das cancións que se escoitarán esa noite será interpretada nesa lingua. Shami está a afondar nesa vía para elaborar novas composicións de cara ao seu próximo disco.

Un trío de fagots

Os encargados de dar comezo á gala serán tamén unha novidade para os espectadores, non en van farán o seu debut público esa noite. Entre Cañas é un trío de fagots, un instrumento que nunca se vira antes no escenario dos premios e que vai achegar unha sonoridade diferente nun contexto no que non se adoita escoitar ese instrumento, que si ten unha presenza constante no eido da música clásica.

Os fagotistas que subirán ao escenario serán Diego Seoane, Helena García-Fresca e Óscar Galán. Tocarán tres pezas no seu pequeno recital e recorrerán á tradición musical galega e tamén a algún tema de autor. O trío está a traballar para decidir as pezas que finalmente soarán na cerimonia. Será unha boa ocasión para que os espectadores se poidan familiarizar con ese instrumento.

Da presentación desta gala de entrega de galardóns musicais encargarase Yolanda Castaño.