Na décimo primeira edición do galardón creado para salientar unha traxectoria musical destacada, o artista que logrou o beneplácito do xurado foi Miro Casabella, cantante que naceu en Ferreira do Valadouro o 30 de agosto de 1946.

Na súa andaina musical formou parte do colectivo musical Voces Ceibes, un referente na historia da música galega. Os seus estudos levárono a Barcelona e alí realizou a súa estrea nun escenario no ano 1967 acompañando a cantantes da Nova Cançó Catalá. Realizou un par de EP, vello formato que contiña catro cancións, antes de debutar discograficamente co LP, álbum de longa duración, titulado Ti, Galiza, gravado en 1977. Nesa obra estaba incluída a canción O meu país, unha das máis populares da súa traxectoria. Unha curiosidade dese traballo é que foi o primeiro disco no que aparecían traducidas as letras aos catro idiomas estatais. En 1979 lanzou Treboada, repetindo co selo discográfico Ariola BMG.

A Miro gustáballe moito a zanfona e as sonoridades medievais e por iso non resultou nada estraño que a finais da década dos setenta os compoñentes do grupo Doa decidiran convidalo a estar con eles no que foi o seu primeiro álbum. O son da estrela escura saíu en 1979 e foi unha obra importante no devir musical do noso país. A banda tocaba pezas instrumentais e con Miro á voz podía combinar o repertorio cos temas cantados. A colaboración rematou pouco máis tarde.

Despois de estar moitos anos afastado dos estudos, en 2004 publicou Orballo, álbum no que aparecían algúns temas antigos e onde tamén deixaba unha canción que falaba do desastre acontecido co barco Prestige, algo normal se ollamos a vista atrás e comprobamos o compromiso social e político presente nas letras dos seus temas.

No ano 2008, a editorial Galaxia sacou ao mercado un libro biográfico escrito por Xan Fraga co título Miro Casabella e a Nova Canción Galega.