Najla Shami debutou como solista co álbum Na lingua que eu falo, no que afondaba na obra de Rosalía de Castro. Con ese disco logrou ser finalista nos Premios Opinión da Música de Raíz nos apartados de mellor artista e canción na décimo terceira edición dos galardóns creados por este xornal.

Na gala, onde ofrecerá un pequeno concerto de vinte e cinco minutos, estará acompañada no escenario polo guitarrista brasileiro Maurício Caruso.

A cantante salienta que lle apetece moito formar parte das actuacións da gala dos premios, "xa que sempre é un pracer colaborar e estar presente en proxectos da cultura deste país, como é o caso dos PREMIOS OPINIÓN".

- Que ten previsto tocar a noite da gala?

-Cantarei unha peza en árabe, que ten relación coas miñas orixes palestinas. Tamén interpretaremos temas do meu anterior traballo e incorporaremos ao repertorio unha canción nova que escribín como homenaxe ao finado músico NARF.

- Dicíanos nunha entrevista que o seu anterior traballo, o seu debut como solista, ía significar un punto de inflexión e un xiro na súa carreira musical. Pasado o tempo, cumpriuse realmente iso que pensaba?

-Visto coa perspectiva actual, eu creo que aquel foi un disco de transición. Non é un traballo que teña realmente o meu son como artista. No vindeiro que vou facer si que aparece realmente esa sonoridade que eu quero lograr. Penso que son coma un cóctel que leva moitas influencias sonoras detrás e iso aínda non estaba ben presente no álbum anterior. Si que é verdade que esa obra foi un agasallo e un traballo que me deu a coñecer máis a nivel público. Creo que me axudou a asentarme e definir máis a miña proposta artística.

- Que poderemos atoparnos no seu seguinte álbum?

-É un traballo do que eu diría que non ten limitacións e será unha mestura de varias cousas. Quero que reflicta o máis fidedignamente posible a sonoridade que quero para a miña música, onde coexisten variadas influencias culturais que veñen marcadas polas miñas orixes familiares.

- Aparecerá a súa herdanza árabe?

-Si. Estará bastante presente esa herdanza nas pezas que realicei para esta nova entrega discográfica. Eu son compositora, autora da letra e arranxista dos temas e conto coa axuda na produción de Pedro Pascual, que é un músico que tamén sabe moverse con naturalidade entre diversos estilos musicais e por iso sei que me vai comprender ben estilisticamente. Iso fará que o noso traballo conxunto flúa con naturalidade.

- Pódenos contar algo desa estilística que proporá no novo disco? Que instrumentación vai empregar?

-Hai de todo, pero será mellor que a xente espere a escoitalo para comprobar por onde irá. Durante o verán pretendemos sacar xa o single de presentación, que servirá como adianto do que virá.

- Teñen marcada unha data de saída para o álbum?

-Queriamos sacalo antes do verán, pero non foi posible. A saída ao mercado quedará fixada para despois da épica estival, mais sen ningunha data en concreto. Moita xente coincide nos estudos de gravación coa idea de sacar o traballo antes do verán e iso paraliza un tempo algúns proxectos. Temos xa algunhas cancións gravadas e están preparadas e arranxadas todas as composicións que incluiremos. Despois tamén temos que contar sempre cos procesos propiamente de edición dun disco.

- Dará en breve ese segundo paso discográfico como solista e semella que o futuro vai levala por ese camiño. Podemos dicir que xa quedaron atrás proxectos como o dúo Lobalú?

-Realmente ese non era un proxecto meu, senón de Héctor Lorenzo e aí reflectíase completamente a súa sonoridade. Para min el é coma un irmán e participei con gusto no proxecto, pero esa proposta levaba moito seu a nivel creativo. Era un disco ben traballado, pero non me identifico coa súa sonoridade. Son camaleónica, gústame traballar con xente e acheguei algunha cousa coa miña presenza, mais a día de hoxe non me sinto identificada con ese álbum.