XOSÉ MANUEL MALLO
Os principios serven para algo, máis ben diría para moito. Cando alguén renuncia a eses principios, ou filosofía, como queiran, está perdido. Foi o que lle aconteceu onte ao Deportivo. Este é un equipo que se basea no control da pelota e que sofre cando non a ten. Onte os xogadores albiazuis non a tiveron e ademais pasáronse todo o encontro como galiñas sen cabeza, é dicir, correndo por todo o campo detrás dun esférico que o adversario movía dun lado para outro. Esa foi a sentenza do equipo coruñés perante o Espanyol. Non soubo ter o balón e amosouse perdido por todo o terreo de xogo. Puido empatar o conxunto deportivista, é certo, pero sería por coraxe máis que por fútbol, que tamén serve. Pero poucas veces é solución malia os remates de Mista e Lassad, nas dúas oportunidades coa cabeza, que foron coma un verxel no medio dun partido que non aparece no manual que manexan os albiazuis desde a chegada de Lotina. Se non hai posesión da pelota é difícil chegar ata a portería contraria, por iso foron contados os remates sobre a meta de Kameni. Ademais, hai que facer outra lectura e perguntarse por que o Espanyol manexou o esférico ao seu antollo. Evidentemente, a simple vista, porque tiña espazos, porque foi dono do campo; mandou porque ocupou mellor os espazos, porque o Deportivo no medio do campo non existiu e por extensión a defensa sofreu. Velaí unha das posibeis razóns. A min ocórreseme que é preciso alguén que saiba mandar na parcela central, que é onde se deciden todos os encontros. Van tres partidos e en ningún o Deportivo foi quen de mandar. É cedo, pero coidado que non se faga demasiado tarde.