XOSÉ MANUEL MALLO
Hai unha grande diferenza entre un erro e un accidente. Considerar erros ós tres primeiros goles do Valladolid o pasado domingo non é de todo exacto. Aínda que ao principio podía parecer que si, despois de coñecer o que dixeron os futbolistas sobre o calzado que estaban a empregar hai que concluír que o de Lopo non pode considerarse como un erro. O catalán escorregou todo nun momento moi inoportuno. Todos pensamos -todos os que estaban canda min no campo- nas botas. Pensamos que non levaba os tacos axeitados para o tipo de superficie na que estaba a xogar, mais o propio defensa sacounos de dúbidas de xeito contundente: "Llevaba los tacos largos". Non hai máis que iso. O regulamento non o permite. Son os propios para campos mollados. Logo hai que falar dun accidente. O erro non estaría no patinazo se os tacos fosen doutro tipo. O erro estaría na elección do calzado. E sería moi grave, porque esta é unha cuestión básica para un futbolista. A bota forma parte do seu corpo e tenlle que permitir facer o seu labor todo o mellor que poda. Por iso, unha mala elección produce consecuencias graves para ese futbolista no eido deportivo. Moitos xogadores evitan os tacos de aluminio porque prenden moito máis no chan. Xa dín todos os especialistas que a menor número de tacos máis agarre. Normalmente -aínda que hai algunhas variacións- cando se levan tacos de aluminio están repartidos catro e dous. Catro van diante e os outros dous, un pouco máis largos, van atrás no calcañar. A forma de prenderse no céspede é causa non poucas veces de graves doenzas, en especial nos xoenllos e nos nocellos. Os ligamentos adoitan quebrar en máis dunha ocasión. É por iso que algúns futbolistas tentan empregar outro tipo de calzado, aínda que a inmensa maioría sabe que hai campos nos que só se pode xogar cun tipo de taco. É o caso dos deportivistas. Explicárono despois do partido. Foi, simplemente, un accidente.