XOSÉ MANUEL MALLO
Trámite cumprido en Riazor. É o que ten esta competición tal como a teñen montada os federativos e os directivos dos clubs. Son os únicos que rexeitan o modelo que se segue en outros países. Son os únicos que non oen as voces que eliminatoria tras eliminatoria reclaman un torneo a un só partido para que os grandes xoguen de verdade nos campos dos pequechos, pero son os grandes os interesados en que non lle fagan correr riscos inútiles. Se teñen un accidente fóra, sempre lles queda a casa para recuperar. Malia que non sempre é así. Para iso está o Madrid, que leva uns anos caendo na primeira ou segunda eliminatoria. O pior de todo e que vén sucumbindo perante os seus seareiros. Cicáis non sexa un bo exemplo porque non adoitan a darse goleadas como a que recibiu o Madrid en Alcorcón, pero seguro que a partido único habería máis emoción e se poría o punto e final aos bodrios que hai que ver na maioría dos campos, cando os máis grandes reciben aos pequenos. A excesiva carga de partidos que ofrece o calendario obriga dalgún xeito a ser cautos e pragmáticos. Trátase de pasar de rolda, como fixo onte o Deportivo. Habería que esixirse máis diante dun rival como o Murcia, non porque sexa menos -en teoría é inferior-, senón por amosar a diferenza de categoría, pero xa chega de abondo con estar no bombo para o seguinte sorteo, que serán xa oitavos de final. E outra vez a esperar á sorte. Moitos arelan o Celta. Sería unha grande eliminatoria. Outra volta un derbi. Tal como están as cousas na Primeira División, podería ser un dos máis grandes atractivos que se lle puidese ofrecer á parroquia de Riazor. Aínda que unha boa parte da grada segue a pensar que Europa debe ser un obxectivo para os albiazuis. Demasiado?