XOSÉ MANUEL MALLO
Un punto máis. Foi diante dun equipo que está na parte baixa da táboa, pero un equipo aguerrido, duro en exceso e que xogaba perante a súa parroquia e cunha obriga extrema de gañar ou, polo menos, puntuar. Nesta oportunidade non abondou ter unha ou dúas oportunidades para marcar, as que tiveron desbotáronas os deportivistas, dúas Lopo e unha Guardado. As ocasións do catalán son desas que se producen porque están sinaladas na pizarra, pero non se lle pode esixir que finalice como se fose un atacante. Outras veces fixoo, é certo, pero onte non estivo afortunado nesta sorte, que ten que ser sempre secundaria na súa función dentro do equipo. Malia o empate, ou grazas a el, o Deportivo segue en postos europeos. Os equipos que veñen desde atrás están un pouco máis perto nalgún dos casos, pero non por iso hai que se preocupar. O equipo vai sumando mentres non encaixe. O problema está nas dificultades que existen para que marque. Custa moito chegar, xerar oportunidades e custa moito máis marcar as poucas que hai. O gol non chega sempre que un quere, hai que ter posibilidades e reservas para as épocas frouxas, para cando a seca empece a ser abafante, pero se os especialistas non acertan, en boa parte porque o equipo chega moi pouco, hai que atopar algunha solución distinta ás que ofrece á estratexia. Onte as oportunidades máis claras foron nas segundas xogadas que chegaron desde lances a balón parado, agás a última, esa na que Juan Rodríguez serviu para que Guardado rematase contra Carrizo. Iso si que é preocupante.