XOSÉ MANUEL MALLO
Machada non houbo en Sevilla, pero algún sacou o machado, que non son a mesma cousa, nin un é masculino do outro, nin o outro é feminino do un. Ninguén esperaba que o Deportivo remontase esta eliminatoria. Era moi complicado, porén voltou cun triunfo diante dun equipo que saiu a gañar o partido e case co equipo titular. O do machado é pola entrada de Rochela a Diego Capel, sobre todo, ou outras de Diego Seoane marcando o seu territorio. Son mozos, pero teñen... e por riba saben tocar o balón. O que amosaron onte é positivo. Sábese que tamén poden ter ese machado preparado para partidos máis trascendentes, no sentido de que non están xa entregados, ou case, antes de comezar a xogar. Por exemplo, o sábado diante do Madrid. Mais a modiño porque agora que eu falo de machado van pensar que estamos a incitarmos á violencia. Ou pensarán outra cousa. Non. No poeta Antonio Machado? Non. As linguas vernáculas non as entenden. Peor aínda. Se atopan algún tradutor vaino estropear moito máis. En Machado? Tampouco son tan listos como cren. Ao que ía. A xente miuda que tivo onte a súa estrea e a xente miuda que hai uns meses estaba xogando en Segunda División B con Fabril amosou moitas cousas positivas. Amosou porque tivo a oportunidade de xogar na elite. So é un paso, pero non todos chegan a dalo. Esta xente miuda, estes lotinenos que se poderían chamar, teñen carraxe e fútbol para voltar ao primeiro equipo. Case todos estarán a xogar esta fin de semana en Terceira outra vez, pero as circunstancias van permitir que algún teña outra estrea, desta volta na Primeira División, onde outros xa acumularon algún encontro importante, tanto como para estaren o sábado diante dos extraterrestres.