XOSÉ MANUEL MALLO
Chega un tempo no que calquer persoa que se estime un pouco decide botar o freo de man. No seu traballo pode pedir unha baixa, uns días de lecer; e noutra actividade tenta afastarse un pouco do cotián. Cando alguén que está a errar un día, e outro, e outro, e se empeña en seguir turrando terá que haber outro alguén que lle obrigue a facer o que ese turrón non fai. Despexar a cabeza é positivo para encarar calquer traballo ou actividade. Coa mente atoada o único que vai facer e seguir turrando. Supoño que será o que acontece co árbitro do partido de onte en Málaga. Máis erros tan decisivos en tan pouco tempo... é imposíbel cometer. Mateu Lahoz, que deste xeito se chama o xuíz deste partido, estragou por completo o xogo e puido estragar o traballo dun equipo xa limitado coa expulsión de Pablo Álvarez. Deixou ao Deportivo con dez futbolistas cando o que acontecera foi un penalti sobre o mediapunta albiazul. Como cambiou o conto, que se adoita dicir. Da posibilidade de que os coruñeses se puxesen por diante no marcador pasaron a ter que remar en inferioridade e contra corrente durante máis dunha hora. Un erro moi grave. Un erro que se produce despois de que catro días antes sinalase un penalti a prol do Atlético de Madrid diante do Racing de Santander, na ida das semifinais da Copa, nunha xogada na que a falta se cometeu case dous metros antes do área. Dous metros! É moita distancia. Pois nada. Onte chegou e fixo o contrario. E todo, cando o tivera doado para expulsar a Álvarez pola patada sen querer na cara a Stepanov.