XOSÉ MANUEL MALLO
Guardiola, adestrador do Barcelona, foi moi duro, contundente cando falou de Clos Gómez e dun dos seus asistentes no partido do equipo culé en Almería no que o adestrador catalán foi expulsado. Guardiola non concordaba co que o árbitro puxo na acta, un documento oficial, e o pasado sábado decidiu falar: "No es que esté demasiado orgulloso de lo que hice. Puedo entender la expulsión, pero si decidimos recurrirla fue porque el señor Clos y el señor Gallego mienten. Yo me equivoco y me voy a la grada, pero ellos mienten y lo saben", dixo. Estas declaracións abondan para que o Comité Técnico de Árbitros protestase diante do Comité de Competición, que abriu un expediente. Normal que os xefes dos xuíces velen pola seguridade dos seus afiliados, pero queixarse é un aspecto superficial. O verdadeiramente importante é saber por que Guardiola lle chama mentireiro a Clos Gómez e o seu asistente. Non é unha cuestión que se teña que limitar ao eido deportivo. Se o árbitro minte é moi grave; se minte Guardiola é moi grave. Aquí alguén minte e non vai pasar nada. Para que? Xa estamos afeitos na vida política e cotiá. Por aquí temos un conselleiro que estivo máis dun mes mentindo e segue no seu cargo. E é o máximo responsábel da Cultura en Galicia. No eido xudicial pasa o mesmo, o presidente do Tribunal Supremo e do Consello do Poder Xudicial fala de "libertinaje" en referencia aos medios de comunicación que denuncian supostos casos de xuíces que prevarican. Acontece como o Comité de Competición e o dos Árbitros, en vez de ollar, investigar que está acontecendo, o mellor e matar a quen denuncia, o xornalista e Guardiola. A mentira pesa. A mentira é un argumento moi empregado nos tempos que corremos en determinadas loitas. Canta xente, pública tamén, ten sido cazada en mentiras e non é quen de pórse colorada. Xa no vou dicir que asuma a responsabilidade e tome a decisión correspondente, quen o fai? Segue porque coa mentira chégase lonxe. É preocupante que Guardiola sexa perseguido por chamarlle mentireiro a un árbitro. Ten que ser castigado se o que minte é el, pero antes haberá que averiguar quen é o que está a cometer unha irregularidade.