Os futbolistas do Deportivo están asimilando a idea que propón José Luis Oltra. Digo que están porque o proceso continúa, xa que non é doado mudar de estilo en dous nen en tres meses. Estou convencido de que un novo adestrador precisa dun tempo para que os seus xogadores asimilen o seu plantexamento. Ata aquí non hai queixa. Tamén entendo, e o veño dicindo desde hai tempo, que as baixas condicionan os partidos, tanto no momento de facer as alineacións como no momento de realizar os cambios, que na maioría das veces son forzados porque determinados futbolistas os solicitan. Con estas premisas, dabondo importantes para o que está a acontecer, tamén hai que dicir que o equipo non é quen de desenvolver a proposta que realiza o seu adestrador. Tense o balón ás veces, non sempre; xógase en función do rival en case todos os partidos, e ademais o equipo ten problemas co gol. En marcar e en evitar. Non é a idea, non é o concepto.