As palabras de Sergio Kresic producíronme onte un acougo reconfortante. Todos os que me coñecen dinme que estou a ser negativo, que non son quen de celebrar o momento tan doce que vive o Deportivo. Eu insisto en que non. Mesmo o meu amigo Moncho Viña reprochaba na súa Furna Atlántica publicada o sábado que criticásemos a todos os que celebraban este instante. Carpe Diem, dicía Moncho. Sei que en parte era por min. O fútbol é para disfrutalo no momento, dicía. É certo. Mais eu vou un pouco máis lonxe, polo menos nesta temporada. Alén da análise que se poida facer de cada partido de xeito puntual, pode ser bo, moi bo, malo, regular... o que é innegábel é que a traxectoria do equipo é case inmaculada. Está onde todos queriamos que estivese, mesmo onde se agardaba que estivese. Porén, aínda queda todo por facer. É o que pretendo transmitir. So iso. Cando me din que os demais equipos asinarían estar como está o Deportivo, resposto que é certo, pero queda tanto... E comezaba dicindo que Kresic provocou un certo acougo porque son palabras de raposo, de profesional e sabio dos banquiños. Non fala desde o sentimento, como fan vostedes, os seareiros, fala desde a perspectiva que lle dá o seu coñecemento. Estou máis quedo, pero ata que o equipo traspase a liña de meta vou dar moita guerra. Porque están moi ben os récords, sobre todo para os afeccionados e o equipo, pero as marcas a metade de curso de pouco valen.